Xa se poden escoitar os temas creados por músicos lucenses no 'Proxecto Lorca'
Xa están dispoñibles para a súa escoita as cancións que varios músicos e grupos lucenses crearon sobre a obra Seis poemas galegos, do escritor Federico García Lorca, ao abeiro do 'Proxecto Lorca', unha iniciativa impulsada polas áreas de Cultura da Deputación e da USC no Campus de Lugo.
Abrigueiro Estudio encargouse da gravación e produción dos temas, que se estrearon o pasado mes de decembro nun concerto na Casa do Saber, e que desde esta semana están xa dispoñibles na canle de Youtube de Vicepresidencia da Deputación de Lugo e tamén na plataforma Spotify.
En canto aos temas, Noelia Geada e David Taboada musicaron 'Cantiga do neno da tenda'; o grupo Nebra puxo música a 'Danza da lúa en Santiago', a banda indie Infrarroja, a 'Romaxe da Nosa Señora da Barca'; os músicos Quique Muruáis e Luis Monsalve compuxeron sobre 'Noiturnio do adoescente morto'; mentras que o dúo Condensadores de Fluzo acompañaron os versos de 'Canzón de cuna pra Rosalía de Castro, morta'. O repertorio complétase con 'Chove en Santiago', unha melodía de Carlos Díaz para o poema 'Madrigal á cibdá de Santiago' composta xa en 2015 pero rexistrada agora por primeira vez para a súa difusión.
A gravación e difusión destas cancións culmina o 'Proxecto Lorca', unha programación arredor da primeira visita de Federico García Lorca a Galicia no ano 1916 nunha viaxe cultural de estudos, segundo documentou o escritor e editor Henrique Alvarellos. Nesa visita comezou a forxarse a relación do poeta granadino coa cultura galega, que transloce no poemario
Seis poemas galegos, publicado pola Editorial Nós en 1935.
A vicepresidenta da institución provincial, Maite Ferreiro, explicou que con este proxecto prolóngase a lembranza da primeira visita de Lorca a Galicia ao tempo que "ponse en valor o traballo de creadores lucenses que asumiron o reto de poñer música por primeira vez a cinco das seis composicións" do poemario.
As pezas poden escoitarse nos seguintes enlaces:
https://www.youtube.com/watch?
https://open.spotify.com/album