Xerardo Quintiá e Baldo Ramos presentan en Friol o poemario 'Umbilical'

LugoXa | TerraChaXa
A Torre de San Paio de Narla acolle o sábado 18 ás 18.00 horas un acto conducido por Montse Castro e coa participación de Mónica Caldeiro
Museo-San-Paio-de-Narla-Friol
13 Apr 2026

Xerardo Quintiá e Baldo Ramos darán a coñecer o sábado 18, ás 18.00 horas, na Torre de San Paio de Narla, no municipio de Friol, o seu novo libro 'Umbilical', un proxecto literario no que ambos autores traballaron durante os últimos cinco anos.

O volume preséntase como un poemario marcado tanto polas diferenzas creativas entre os seus autores á hora de abordar o feito poético como pola fonda ligazón que os une a unha terra común, entendida por ambos como parte esencial do seu percorrido vital. Esa dualidade, entre afastamento e encontro, define o espírito dunha obra que nace do contraste pero tamén da complicidade.

O acto contará coa condución de Montse Castro, profesora titular da Universidade da Coruña, e incluirá a participación da escritora, tradutora e poeta escénica Mónica Caldeiro, nada en Barcelona e actualmente afincada no O Corgo, quen tamén reflexionou sobre o territorio como espazo habitable a través da palabra.

Os autores quixeron expresar o seu agradecemento á asociación Carballo Vivo pola organización do evento e polo seu labor continuado na promoción da cultura en lingua galega, así como á Rede Museística Provincial de Lugo por facilitar o uso da Torre de San Paio de Narla para a celebración desta presentación literaria.

0.11807203292847