Ximena Cheda presenta a súa candidatura ás primarias de Podemos Lugo para encabezar a lista de 2027

GaliciaXa | LugoXa
A voceira do Círculo de Podemos Lugo chama á militancia a construír unha candidatura colectiva, plural e representativa da cidade
Ximena-Cheda-Podemos-Lugo
11 Sep 2026

Ximena Cheda, voceira do Círculo de Podemos Lugo, membro do Consello Cidadán Estatal de Podemos e secretaria de Feminismos de Podemos Galicia, anunciou a súa candidatura para encabezar a lista da formación morada nas próximas eleccións municipais de 2027.

Cheda explicou que dá este paso "desde a responsabilidade, pero tamén desde a ilusión e a convicción de que Lugo necesita unha esquerda valente, feminista e transformadora, capaz de defender os servizos públicos, o dereito á vivenda e os dereitos humanos fronte aos discursos de odio e ás políticas que aumentan as desigualdades".

A candidata asegurou que non entende a política como "unha carreira persoal" e defendeu que o seu obxectivo é contribuír á construción dun proxecto colectivo. "Dou este paso para construír, para sumar e para contribuír a que Podemos Lugo chegue ás municipais cun proxecto forte, útil e conectado coa realidade da maioría social", sinalou.

Muller migrante, nai, traballadora e feminista, Cheda reivindicou unha forma de facer política vinculada á experiencia cotiá da cidadanía. "O persoal é político. Sei o que é conciliar, chegar a fin de mes facendo contas e afrontar momentos difíciles. Precisamente por iso sigo crendo que a política pode e debe servir para mellorar a vida das persoas", afirmou.

Neste proceso, a candidata tamén animou á militancia e ás persoas inscritas a participar activamente e a dar un paso adiante na elaboración das candidaturas. "Necesitamos unha candidatura plural, diversa e representativa da cidade que queremos construír. Lugo precisa máis voces comprometidas coa xustiza social, o feminismo, a democracia e os servizos públicos", apuntou.

Cheda considera que Lugo atravesa un momento decisivo, marcado, ao seu xuízo, pola "desafección política", a crise da vivenda, as dificultades para acceder a dereitos básicos e o avance de discursos que "buscan sinalar ás persoas máis vulnerables como responsables de problemas que teñen a súa orixe nas desigualdades e na falta de políticas públicas".

Ante esta situación, defendeu a necesidade de construír unha alternativa que poña "a vida no centro". "Quero contribuír a construír un Lugo que coide da súa xente, que garanta dereitos e que non deixe a ninguén atrás. Porque a vivenda, os coidados, a sanidade pública, a igualdade ou a loita contra as violencias machistas non son cuestións secundarias: son as condicións que permiten desenvolver unha vida digna", afirmou.

"Fronte ao odio e á resignación, necesitamos máis dereitos, máis comunidade e máis esperanza. Ese é o Lugo que quero axudar a construír xunto ás miñas compañeiras e compañeiros", concluíu.

Coa presentación desta candidatura, Podemos Lugo inicia o seu proceso de preparación para as eleccións municipais de 2027 e reafirma a súa vontade de seguir sendo unha ferramenta para a veciñanza e para as persoas que aspiran a unha cidade "máis xusta, igualitaria e habitable".

0.094063997268677