Xoán Carlos Rilo presenta o seu novo disco 'O ronsel do meu sentir' na Tradescola

Este xoves,8 de maio, ás 19:00 horas, o mestre gaiteiro Xoán Carlos Rilo achegarase ata a Tradescola, no CENTRAD de Lugo, para presentar o seu novo traballo discográfico titulado O ronsel do meu sentir. A cita, de entrada libre, promete ser un encontro inesquecible coa música tradicional galega.
Este novo disco supón o peche dunha triloxía musical que leva a sinatura creativa de Rilo, unha colección de composicións propias que destacan pola súa dozura, sensibilidade e profundo arraigamento na tradición galega. O ronsel do meu sentir non só é unha mostra da madurez artística do gaiteiro, senón tamén unha homenaxe á riqueza sonora do noso patrimonio musical.
Durante a presentación, o propio Xoán Carlos Rilo ofrecerá unha actuación en directo, na que estará acompañado pola súa gaita e os audios de instrumentos de vento, corda e percusión, gravados no disco por unha vintena de músicos profesionais. Esta posta en escena busca trasladar ao público a forza emocional e a beleza das composicións, nunha fusión que engrandece a esencia da gaita galega.
Con este novo proxecto, Rilo reafirma o seu compromiso coa difusión e valorización da música tradicional, achegando novas sonoridades sen perder a autenticidade do xénero. Cunha traxectoria consolidada como intérprete, compositor e docente, Xoán Carlos Rilo continúa a ser unha das figuras de referencia no panorama da música galega.
A cita está dirixida tanto a persoas amantes da música tradicional como a quen desexe descubrir o talento dun artista que leva anos contribuíndo ao enriquecemento da nosa cultura musical.