Xogadores do Breogán visitan a Fundación Eu Son nunha xornada de convivencia e inclusión

LugoXa | AMariñaXa
A iniciativa, impulsada pola Deputación, achegou o club ás persoas usuarias do centro e puxo en valor o labor social da entidade
CB-Breogán-en-Eu-Son-Burela
20 Apr 2026

O base estadounidense DeWayne Russell e o director xeral do CB Breogán, Salva Arco, participaron nunha visita á Fundación Eu Son, en Burela, onde compartiron unha xornada coas persoas usuarias do centro. A actividade contou tamén coa presenza do deputado Daniel García, do tenente de alcalde da localidade, Mario Pillado, e da concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Sandra Fernández Cillero, e foi promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Durante o encontro, os representantes do club lucense percorreron as instalacións da fundación e coñeceron de primeira man os espazos de traballo e lecer. Ademais, tiveron a oportunidade de conversar coas persoas usuarias e achegarse ás actividades que desenvolven, especialmente nos talleres de cerámica e serigrafía, onde elaboran agasallos e accesorios con deseños propios.

A concelleira Sandra Fernández Cillero destacou o carácter positivo da visita, cualificándoa como “un encontro moi enriquecedor”, e agradeceu a proximidade e implicación mostrada polos integrantes do Breogán, que se interesaron polas dinámicas e proxectos da entidade. Desde o Concello de Burela subliñaron a importancia de promover este tipo de iniciativas, que fomentan o intercambio de experiencias e crean espazos de convivencia, participación e ilusión para as persoas usuarias.

Pola súa banda, o deputado Daniel García explicou que a colaboración existente entre a Vicepresidencia da Deputación e o CB Breogán permite organizar actividades deste tipo, que espertan interese e entusiasmo entre todas as partes implicadas. Así mesmo, incidiu en que a visita serviu tamén para recoñecer o traballo que a Fundación Eu Son desenvolve na Mariña, ofrecendo oportunidades de benestar e crecemento persoal a quen máis o precisa. Neste contexto, remarcou que a inclusión e os coidados constitúen piares fundamentais dunha sociedade que debe sosterse de maneira colectiva.

A Fundación Eu Son está orientada a mellorar a calidade de vida de persoas adultas con discapacidade intelectual da comarca da Mariña e conta na actualidade con 47 persoas usuarias e un equipo de 13 profesionais.

Esta actividade enmárcase no acordo de patrocinio polo que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoia ao CB Breogán, unha colaboración que inclúe, entre outras accións, a participación do club en iniciativas de sensibilización social, a promoción do deporte e dos hábitos saudables, así como a valorización dos recursos culturais, patrimoniais e ambientais da provincia.

0.11902403831482