Xosé Estévez presenta en Baralla a súa novela 'As tres esposas (unha espiña e dúas rosas)'

O escritor Xosé Estévez presentará o venres 8 de maio ás 20:30 horas no Centro Sociocultural de Baralla a súa nova novela As tres esposas (unha espiña e dúas rosas), nun acto no que estará acompañado por representantes institucionais e persoas vinculadas á obra.
A publicación, integrada na colección Nume de Toxosoutos, está dedicada á memoria dunhas 50 persoas xa falecidas do municipio de Baralla, coas que o autor mantivo relación durante os anos nos que exerceu como secretario do Concello, unha etapa que marcou de forma notable a súa vinculación coa localidade.
No acto de presentación participarán o alcalde de Baralla, Miguel González; o autor do prólogo, Manuel Vázquez; e o xuíz de paz, Camilo Lombardia. Ao remate do evento, o Concello fará entrega dun exemplar do libro a cada asistente que o solicite, e o autor asinará exemplares.
Xosé Estévez, natural de Pacios-Pradeda (Guntín) e nado en 1954, conta cunha ampla traxectoria literaria tanto en poesía como en narrativa, e esta obra supón un novo paso na súa consolidación no panorama das letras galegas. O prólogo corre a cargo do tamén escritor Manuel Vázquez, quen destaca a forza narrativa da novela e o seu poder de atracción desde as primeiras páxinas.
O autor mantén unha forte relación con Baralla, concello no que exerceu como secretario municipal durante anos baixo os mandatos de varios alcaldes da etapa democrática, e co que continúa a sentirse especialmente vinculado. O propio alcalde, Miguel González, definiuno como “un gran coñecedor da nosa historia e da nosa realidade”, destacando ademais a amizade persoal que o une coa vila.
Estévez tamén ten subliñado esa conexión coa localidade, chegando a afirmar que a súa familia mantén un forte sentimento de pertenza a Baralla tras os anos vividos no municipio, onde asegura ter feito importantes amizades e participado activamente na vida local.