Xosé Manuel do Castro presenta en Lugo o seu primeiro libro 'Arredor do cuarto pequeno'

LugoXa
O evento terá lugar ás 20.00 horas e contará co autor e diversos invitados especiais que intervirán para comentar a obra e a súa traxectoria
Arredor-do-cuarto-pequeno
11 Apr 2025

Despois do éxito da presentación no Castelo de Pambre, Xosé Manuel do Castro chega a Lugo para presentar o seu primeiro libro, 'Arredor do cuarto pequeno', esta tarde de venres, 11 de abril, no Auditorio do Vello Cárcere.

O evento terá lugar ás 20.00 horas e contará co autor e diversos invitados especiais que intervirán para comentar a obra e a súa traxectoria.

Á parte de Xosé Manuel do Castro, na presentación intervirán Ánxela Gracián e Toño Núñez, que falarán sobre a riqueza da obra e o impacto que ten na poesía popular. Toño Núñez destacou que "Xosé Manuel do Castro naceu en Santo Xusto, Palas de Rei (Lugo) e, dende neno, deu mostras do seu potencial creativo". Subliñou que, no ano no que se celebra e recoñece a poesía popular, "sae á luz este seu libro, unha feliz coincidencia". Engadiu que Xosé Manuel é un auténtico herdeiro da tradición de poetas populares, que escribían para ser cantadas. Segundo Núñez, "os seus poemas non só teñen fondura e personalidade propia, senón que rebordan música, xa que varios deles xa foron musicados e outros o serán pouco a pouco".

'Arredor do cuarto pequeno' é unha obra cargada de dignidade, utilidade, verdade e beleza, que toca algúns dos grandes temas da poesía: o amor, as raíces, a paisaxe, o paso do tempo, a memoria persoal e colectiva, o compromiso social e a elexía. A súa recolleita, ademais, está impregnada dunha profunda conexión coas tradicións culturais e musicais da terra, como reflexo da propia identidade do autor.

Durante o acto, tamén haberá a actuación do grupo de música popular Os Agustiños, un grupo de cantos de taberna no que Xosé Manuel do Castro é a alma máter. A súa intervención engadirase á presentación para ofrecer ao público unha mostra da música que acompaña e complementa a súa obra literaria.

Este evento será unha oportunidade única para disfrutar da poesía, da música e da creatividade de Xosé Manuel do Castro, quen continúa a súa traxectoria artística, fusionando as artes da palabra e a música de xeito único.

⚙ Configurar cookies
0.18278884887695