Xosé Miranda pecha a segunda tempada do ciclo “Media Hora de Poesía” na Despensa do Saa

LugoXa
O poeta lucense participará nun recital o 6 de xuño ás 20:00 horas baixo o título “Torres abolidas, Cidades mergulladas”
Xosé-Miranda
2 Jun 2026

O poeta Xosé Miranda pechará a segunda tempada do ciclo “Media Hora de Poesía” na Despensa do Saa cunha sesión titulada “Torres abolidas, Cidades mergulladas”, que terá lugar o sábado 6 de xuño ás 20:00 horas.

O encontro será presentado por Marica Campo, e nel o autor recitará e comentará algúns dos seus poemas, escritos desde 1973, cando publicou o seu primeiro libro “Lenta luz nos lousados”, ata o seu último traballo, “As torres abolidas” (2025), incluíndo tamén algún texto inédito posterior.

Xosé Miranda Ruiz, nado en Lugo o 18 de decembro de 1955, é licenciado en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela en 1978. Exerceu como profesor de Bioloxía e Xeoloxía en Chantada e posteriormente no Instituto Xoán Montes de Lugo ata o ano 2020. Ao longo da súa traxectoria desenvolveu unha ampla obra literaria recoñecida con numerosos premios e distincións.

Entre os galardóns recibidos destacan o Premio Merlín (2002) pola obra “Pel de lobo”, o Premio Xerais (1998) por “Morning Star”, o Premio Esquío de poesía (1996), o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón (1995), o Premio García Barros (1990) e o Premio Modesto R. Figueiredo (1988).

No ano 2025, co poemario “As torres abolidas” e baixo o lema “Príncipe inconsolable”, recibiu o Premio de Poesía Afundación, convocado pola entidade xunto co Centro PEN de Galicia co patrocinio da Xunta de Galicia.

0.12034487724304