Xuntos por Lugo convoca unha protesta polo mal estado da estrada N-540

A Asociación Xuntos por Lugo anunciou a organización dunha protesta cidadá diante do estado deficiente da estrada N-540, que comunica Lugo con Ourense. A convocatoria xorde da indignación veciñal polo pésimo mantemento desta vía, que actualmente se atopa en condicións intransitables, provocando inseguridade e dificultando a circulación diaria de residentes e usuarios.
A mobilización está prevista para o sábado 14 de febreiro ás 11:00 horas, na zona da parroquia de Calde, e consistirá no corte temporal da estrada. O obxectivo é chamar a atención do Goberno de España e esixir unha solución inmediata que permita que toda a veciñanza poida transitar pola N-540 con seguridade e tranquilidade, evitando o risco que actualmente supón circular por esta vía.
Desde a asociación destacan que o mal estado da estrada obriga a buscar rutas alternativas, o que repercute negativamente en numerosos negocios dos municipios afectados. Por iso, fan un chamamento a toda a cidadanía e persoas afectadas a sumarse á protesta para esixir melloras urxentes e que se atenda a petición de arranxar a N-540.