Xuventude organiza este sábado un Samaín

LugoXa
A concellería de Xuventude organiza o próximo sábado un Samaín para que a mocidade lucense poda gozar desta celebración
Cartaz Samaín 2022 portada
26 Out 2022

A concellería de Xuventude organiza este próximo sábado, 29 de outubro, diferentes propostas para gozar na cidade do Samaín, unha das datas máis sinaladas do outono galego.

O edil Mauricio Repetto avanzou hoxe que a xornada dará comezo ás 5 da tarde na rúa Quiroga Ballesteros onde están previstas, entre outras actividades, un obradoiro de baleirado e tallado de cabazas – co seu posterior concurso – alén dun photocall e a celebración de xogos en torno á temática desta festividade que rematará cunha degustación popular de chocolate con churros.

“Unha oferta de ocio á que queremos convidar a toda a mocidade para que participe, de xeito gratuito e veña gozar connosco dunha tarde máxica, chea de entretemento e diversión”, afirmou o responsable de área. Repetto Morban lembrou tamén que a dinamización finalizará cun Desfile de Ánimas, no que colaboran as asociacións de recreación histórica Clan de Breogán, Trebas Galaicas, Mercenarios Galaicos e Lugdunum, percorrendo parte do Casco Histórico e da Muralla para até rematar a velada co conxuro purificador do Druída.

As prazas dispoñibles iranse cubrindo por orde de chegada, sen que sexa preciso realizar inscrición.

0.14987087249756