Yago Iglesias comprométese co CD Lugo cun proxecto ambicioso e cheo de ilusión

LugoXa
O novo adestrador puxo énfase na importancia de contar cos mellores xogadores posibles dentro das posibilidades do club
presentacion-adestrador-CD-Lugo
24 Jun 2025

Yago Iglesias foi presentado como novo adestrador do primeiro equipo do Club Deportivo Lugo nunha conferencia de prensa na que estivo acompañado polo director deportivo, Javi Recio, e o director xeral, Adrián Raguza.

O técnico amosouse especialmente ilusionado coa oportunidade e asegurou que o que lle transmitiu o club foi clave para tomar a decisión: “Síntome querido, creo que os directivos queren que estea aquí e por iso comprometinme. Temos ilusión, tanto eu coma o club, e iso é fundamental”.

Iglesias afirmou que está ante unha oportunidade para seguir medrando no mundo do fútbol, subliñando que aínda é novo e ten moitas ganas de chegar ao fútbol profesional. “Creo que nos atopamos nun bo momento, e tamén a afección xera esa ilusión. Eu busco proxectos ambiciosos, que aspiren a máis. A presión enténdoa doutra maneira: isto vai de gañar e de ter bos resultados. Non sinto presión, senón ilusión e ganas”.

O novo adestrador puxo énfase na importancia de contar cos mellores xogadores posibles dentro das posibilidades do club, pero tamén destacou que o fundamental é que sexan futbolistas con calidade, ambición e ilusión. “Cada ano que pasa sei mellor por onde empezar e o que quero transmitir. Este é un proxecto para pelexar por todo, e sabemos que o camiño é longo, polo que hai que comezar desde o primeiro día de pretempada coa máxima entrega”.

"Ilusión, traballo e humildade; é o que Yago Iglesias pode transmitir ao Club Deportivo Lugo, e hai que gañar, pero eu son un romántico de como se gaña", concluíu o adestrador.

⚙ Configurar cookies
0.19398999214172