Yanire Reimóndez, xogadora do Feminino do CD Lugo: "O partido do sábado é unha gran oportunidade para o fútbol feminino"

LugoXa
As albivermellas enfrontaranse ao Real Sporting de Gijón B no estadio nun encontro que se corresponde coa xornada 8 do grupo 1 da Terceira Federación Feminina
Equipo-Feminino-CD-Lugo
22 Out 2024

O equipo feminino do Club Deportivo Lugo disputará un partido oficial no estadio Anxo Carro por primeira vez na súa historia este sábado, 26 de outubro, ás 17.00 horas.

Desta maneira, as albivermellas enfrontaranse ao Real Sporting de Gijón B no estadio nun encontro que se corresponde coa xornada 8 do grupo 1 da Terceira Federación Feminina.

Como evento histórico, desde o club repartirán invitacións a todos os deportivos femininos da cidade “para facer destre encontro unha festa inesquecible do fútbol feminino”. Así, os abonados, as nenas e nenos menores de 15 anos poderán acceder de maneira gratuíta ao enfrontamento e as entradas serán de 10 euros para o público xeral.

Yanire Reimóndez, xogadora e unha das capitás do equipo feminino do CD Lugo, afronta este encontro “con moita ilusión e ganas, xa que é unha gran oportunidade para que o fútbol feminino teña apoio”. Futbolisticamente, valora, “vai ser un partido igualado, pero temos ganas de levar ese tres puntos”, sostén. Ademais, espera unha gran participación por parte da afección, xa que se senten moi apoiadas nos partidos que xogan, e neste caso é unha ocasión especial. “No ascenso, estiveron con nós, había moita xente e foi un momento no que nos sentimos arroupadas, polo que nesta ocasión, esperamos que sexa parecido”, argumenta.

"Non facemos distincións entre capitás e xogadoras, somos unha pequena gran familia"

 

Reimóndez comezou a xogar no Club Deportivo Lugo hai catro tempadas, na 2021-2022, despois de que a fichara Joaquín, o adestrador do equipo, coa necesidade de que “houbera un cambio no equipo e poder ascender, polo que decidín vir para aquí con varias das miñas compañeiras do Friol. Así, as dúas primeiras tempadas que estiven no club, estabamos en 1ª galega, e despois ascendemos a 3ª RFEF”.

Este ano, ademais, foi elixida como capitá, polo que se sente “moi agradecida por que confíen en min e un orgullo porque ao ser da zona, representamos ao club da provincia e ademais eu son unha persoa que intenta sempre que o grupo estea unido e iso transmítese no campo. Non son a única, todas as capitás complementámonos no campo e entre todas levámonos moi ben, capitás e xogadoras, xa que non facemos distincións reais, e todo iso fai que funcione o equipo, porque nos levamos ben, somos unha pequena gran familia”, destaca.

O EQUIPO FEMININO, OBXECTIVOS DE FUTURO

O equipo feminino A está formado por Asia, Berta, Blanca, Candela Otero, Candela Vázquez, outra Candela Vázquez, Edurne, Erica, Ester, Esther, Iona, Iria Pérez, Lola, María, Noa, Paula Casado (Goico) e logo está Bárbara, a fisioterapeuta e Marian, a preparadora física, ademais do adestrador e unha coordinadora.

Con estas xogadoras, o equipo ten como obxectivo seguir traballando e mellorar os resultados nesta tempada, “sendo constantes e conseguir manternos un ano máis nesta categoría”, explica Yanire. Pero, para conseguilo, hai que seguir os valores do respecto, o compañeirismo e o compromiso co equipo e co club “porque non vivimos disto, non é profesional e Iria, por exemplo, ven 4 días desde Chantada e adestrar as 21.00 horas, polo que intentamos cadrar entre o traballo e o deporte”, explica.

Con respecto ao estilo de xogo que van levar a cabo durante esta tempada, di que é “parecido ao dos chicos, pero no noso destaca manter a posesión, intentar xogar combinado, cada partido é un mundo... Somos un equipo bastante defensivo e imos á contra, pero tamén hai partes do xogo nas que temos que presionar alto”, comenta.

Con todo, di que é “moi necesario poñer en valor o fútbol feminino, xa que é un deporte en crecemento, aínda que falta moito por facer. A creación das seccións femininas e xogar en estadios é unha mostra de que imos por bo camiño, xa que eu cando empecei a xogar non existían equipos femininos, por iso a min faime moita ilusión xogar no Anxo Carro. É unha oportunidade, porque vemos que o club aposta por nós e nos ten en conta para darnos visibilidade. Así, a xente de Lugo ve que hai un equipo feminino unha categoría nacional”, conclúe a futbolista.

0.19767189025879