Yolanda Castaño, protagonista dun recital poético en Lugo con motivo do 25N
A Subdelegación provincial do Goberno de Lugo con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se celebra o 25 de novembro, acolle o II Recital Perfo-Poético o vindeiro 29 de outubro no Vello Cárcere. Trátase dun acto que combina a expresión artística coa lectura de versos sobre a muller na voz das súas autoras. Está organizado por Yolanda Castaño, Premio Nacional de Poesía 2023, e no que participará Chus Pato, Premio Nacional de Poesía 2024
O programa de actos deste 25N inclúe máis de 50 actividades en toda Galicia, con accións destinadas a diversos colectivos: mocidade, forzas de seguridade, persoal xurídico e médico, a comunidade educativa e tamén as propias vítimas. Esta diversidade reflicte como a violencia de xénero é un problema transversal, presente en todas as idades e capas sociais. Os actos inclúen espazos para a reivindicación, como lecturas públicas, colocación de pancartas e minutos de silencio, así como actividades de formación e sensibilización, tales como talleres de defensa persoal, campañas en redes sociais, presentacións de libros e exposicións.
Tamén se realizarán obradoiros de regueifa, co obxectivo de involucrar tanto zonas urbanas como concellos do rural. As actividades principais culminarán na semana do 25N coa entrega dos recoñecementos 'Meninas' de Galicia, que este ano chegan á súa sétima edición. Estes galardóns distinguen persoas e entidades que destacan polo seu compromiso coa igualdade e contra a violencia machista.