Zoelas presentará este sábado en Antas de Ulla o seu novo Vinilo-CD sobre a memoria colectiva

GaliciaXa | LugoXa
A formación de Antas de Ulla dará a coñecer ás 20:00 horas no Parque Central de Galicia o álbum de sete temas que recolle o resultado discográfico do proxecto Des(a)fiada
ZOELAS-EN-CONCERTO-OUTEIRO
1 Sep 2026

O Parque Central de Galicia, situado en Nugallás, Antas de Ulla, acollerá este sábado, 5 de setembro, a presentación do novo Vinilo-CD de Zoelas, un traballo que dá forma física ao proxecto Des(a)fiada. A formación antaseña escolleu este espazo da súa terra de orixe para presentar un álbum composto por sete novos temas vinculados á memoria colectiva e á identidade do territorio.

O novo traballo discográfico chega despois de dous anos nos que Zoelas levou aos escenarios a versión en directo de Des(a)fiada. Agora, o grupo traslada ao estudo e ao formato Vinilo-CD unha proposta construída arredor da recuperación de historias, experiencias e elementos da memoria colectiva, coa intención de conservar e transmitir un legado ligado ao territorio.

A elección de Antas de Ulla para esta presentación ten un significado especial para a formación, xa que supón regresar ao lugar no que naceu Zoelas. O Parque Central de Galicia, recentemente inaugurado pola Deputación de Lugo, converterase así no escenario dunha proposta musical estreitamente relacionada coa historia e coa identidade da contorna.

O concerto comezará ás 20:00 horas e permitirá coñecer de primeira man os sete temas que conforman o novo álbum. A actividade dará continuidade á programación cultural desenvolvida durante os meses de verán neste novo espazo a través de As mañás en Nugallás.

Este programa, impulsado pola Deputación de Lugo durante xullo e agosto, incluíu actividades relacionadas coa natureza, a educación ambiental e os oficios tradicionais, xunto con propostas de música, teatro e narración oral dirixidas a públicos de diferentes idades.

A programación contribuíu a dinamizar o Parque Central de Galicia desde a súa recente apertura e a converter o enclave nun novo espazo para o encontro e o lecer. A presentación do traballo de Zoelas reforzará esta dimensión cultural cunha proposta que conecta creación musical, memoria e territorio no centro xeográfico de Galicia.

0.1719331741333