Zumbanocoiro regresará a Lugo o 23 de maio de 2026 da man de A Volta do Agro

LugoXa
A asociación consolida a recuperación do festival de música tradicional tras o éxito da pasada edición polo seu 30 aniversario
Zumbanocoiro-A-Volta-do-Agro-Lugo
4 Apr 2026

A asociación A Volta do Agro xa fixou a data para a celebración de Zumbanocoiro 2026, que terá lugar o vindeiro 23 de maio, consolidando así a recuperación deste festival de música tradicional galega.

A iniciativa regresou o pasado ano coincidindo co 30 aniversario da entidade, co obxectivo de recuperar unha cita musical que durante anos formou parte da programación cultural e que deixara de celebrarse. A proposta busca ofrecer novamente á sociedade luguesa un espazo para gozar da música galega dentro do panorama actual.

Na edición anterior participaron tres formacións destacadas do ámbito da música tradicional. Ailá, procedente de Santiago de Compostela, naceu das foliadas da Casa das Crechas e presentou unha proposta baseada no respecto pola tradición e o patrimonio musical galego, mesturada con influencias doutras culturas.

Tamén formou parte do cartel Tiruleque, grupo integrado por cinco músicos da Coruña vinculados á música tradicional, que combinaron repertorio recollido de cancioneiros populares con composicións propias e outras influencias contemporáneas.

Completou a programación Aliboria, colectivo de novos músicos galegos dirixido por Xosé Lois Romero, que reinterpretaron os cantos e ritmos máis enxebres de Galicia a través da fusión de voces potentes e arranxos innovadores de percusión tradicional.

Coa vista posta na nova edición de 2026, a organización continúa apostando por fortalecer este encontro musical como unha referencia dentro da música tradicional galega.

0.1313591003418