A ampliación do parque empresarial do Corgo sumará máis de 200.000 metros cadrados de solo industrial

O parque empresarial do Corgo ampliará a súa superficie en 203.089 metros cadrados, cun investimento estimado de 11,6 millóns de euros. A actuación elevará a extensión total do polígono por riba dos 347.000 metros cadrados e permitirá responder á demanda de solo industrial, xa que os 144.159 metros cadrados da área actual están vendidos na súa totalidade.
A ampliación foi aprobada definitivamente como Proxecto de Interese Autonómico (PIA), un paso que permitirá avanzar na tramitación para licitar as obras durante o próximo ano. O calendario previsto inclúe o inicio dos trámites de expropiación dos terreos e o desenvolvemento paralelo do proxecto de urbanización, co obxectivo de axilizar a execución.
Entre as actuacións previstas figura a construción dun novo viario principal paralelo ao actual, así como a prolongación das rúas transversais para dar acceso ás novas parcelas. O proxecto tamén contempla zonas verdes, un espazo reservado para equipamentos públicos e 1.138 prazas de aparcamento, das que 319 serán de uso público.
Os deputados do Grupo Parlamentario Popular Cristina Sanz e Manuel Mato visitaron o parque empresarial para coñecer os detalles da ampliación. Durante o percorrido, reivindicaron o papel da Xunta de Galicia no impulso do solo industrial e no desenvolvemento económico da provincia de Lugo.
Sanz considerou que a aprobación definitiva da actuación demostra o "compromiso real da Xunta co dinamismo económico de Lugo" e defendeu a importancia de ofrecer espazos adecuados para que as empresas poidan medrar e xerar emprego. A deputada tamén vinculou a dispoñibilidade de solo industrial coa consolidación do tecido produtivo e coas oportunidades de futuro no ámbito rural.
Pola súa banda, Manuel Mato afirmou que "a verdadeira política industrial faise con feitos e investimentos directos nas infraestruturas". O deputado puxo como exemplo a promoción de 1,5 millóns de metros cadrados de novo solo empresarial na provincia, unha iniciativa que, segundo indicou, mobiliza máis de 68 millóns de euros.
A ampliación do parque empresarial do Corgo enmárcase así na planificación de novas superficies industriais na provincia, co obxectivo de facilitar a implantación de empresas e atender as necesidades de espazo produtivo.