A ANPA do CEIP Nadela reclama á Xunta o inicio urxente das obras de reforma do centro educativo

A ANPA do CEIP Nadela reclamou á Xunta de Galicia e á Consellería de Educación o inicio inmediato das obras de remodelación e adaptación previstas para o centro educativo, unha actuación que consideran necesaria para solucionar as múltiples carencias que presenta actualmente o colexio.
Segundo explica a asociación de nais e pais, o CEIP Nadela arrastra diversas deficiencias estruturais derivadas, en parte, da antigüidade das súas instalacións, ao tratarse dun dos centros escolares máis veteranos do municipio de Lugo.
Entre os principais problemas sinalados pola comunidade educativa destaca a situación do comedor escolar, cuxas dimensións actuais impiden ampliar o servizo para dar resposta á demanda existente entre as familias. Segundo indican, a falta de espazo converte esta instalación nun lugar saturado que tampouco reúne as condicións adecuadas desde o punto de vista acústico.
Neste sentido, denuncian que o alumnado debe soportar niveis de ruído superiores aos recomendados polas autoridades sanitarias, unha circunstancia que afecta ao benestar e ás condicións do servizo.
As familias tamén consideran prioritaria unha intervención que permita facer accesibles todos os espazos do centro educativo co obxectivo de garantir unha educación en igualdade de oportunidades para todo o alumnado.
Ademais, a carencia de espazos adaptados limita a posibilidade de desenvolver desdobres, novas iniciativas educativas ou actividades complementarias que permitan mellorar a oferta formativa do centro.
Desde a ANPA lembran que a comunidade educativa, especialmente nais e pais do alumnado, leva anos agardando pola execución destas obras. Segundo explican, desde a administración autonómica trasladóuselles en repetidas ocasións que os traballos se acometerían a curto prazo, pero unha vez finalizado o curso 2025-2026 e ás portas do período estival, as actuacións aínda non foron licitadas nin existen indicios dunha próxima execución.
Debido á envergadura da intervención prevista, que cualifican como unha reforma substancial e practicamente integral das instalacións, consideran imprescindible aproveitar os períodos non lectivos para levar a cabo os traballos e minimizar así as posibles molestias e alteracións no funcionamento habitual do centro.
Por todo isto, a ANPA insta á Xunta de Galicia a iniciar de forma inmediata as actuacións comprometidas, co obxectivo de mellorar as instalacións do centro e garantir unha educación pública de calidade para o alumnado.
APOIO DO BNG
O BNG traslada o seu apoio ás demandas da ANPA do CEIP Nadela, que reclama á Consellería de Educación da Xunta de Galicia o comezo urxente das obras de remodelación e adecuación do centro escolar.
A edil do BNG Maite Ferreiro, afirmou que este centro "é un dos máis antigos de Lugo, e presenta unha serie de eivas estruturais que están a afectar directamente á calidade do ensino e ás condicións do alumnado". Entre estas deficiencias destaca a "incapacidade do comedor escolar para dar servizo a todo o alumnado solicitante, debido ás súas reducidas dimensións, ou a falta de accesibilidade en diversos espazos do centro, o que impide garantir unha educación en igualdade de oportunidades para todo o alumnado". A isto, di, súmase a carencia de espazos adecuados, que dificulta a realización de desdobres e a posta en marcha de novos proxectos educativos.
O BNG lembra que a comunidade educativa leva anos agardando por unha reforma integral que foi prometida reiteradamente polo Partido Popular, sen que ata o momento se teñan producido avances reais. Finalizado o curso 2025-2026 e ás portas do verán, as obras seguen sen estar licitadas, o que evidencia, "a falta de compromiso da Xunta de Galicia co ensino público", dixo Ferreiro.
O BNG considera fundamental que se aproveiten os períodos non lectivos para acometer unha intervención integral como a que demanda a ANPA, co fin de minimizar as molestias e garantir o normal desenvolvemento da actividade educativa.
Así, os nacionalistas instan á Xunta de Galicia a "a planificar as obras no CEIP Nadela, garantindo así unhas instalacións dignas e unha educación pública de calidade para o alumnado".