A área sanitaria de Lugo licita por máis de dous millóns de euros reactivos e material para os laboratorios de anatomía patolóxica

GaliciaXa | LugoXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O contrato terá unha duración inicial de dous anos e dará cobertura aos hospitais de Lugo, A Mariña e Monforte, cun valor estimado de 3,8 millóns de euros incluídas as posibles prórrogas
Hospital-HULA-dentro
4 Nov 2026

A Xunta licitou por 2.106.059 euros a subministración de reactivos e material necesario para os laboratorios de anatomía patolóxica da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos. O expediente, publicado no Portal de Contratos Públicos de Galicia, terá unha duración inicial de 24 meses, con posibilidade de dúas prórrogas anuais, e un valor estimado total de 3.829.199 euros.

O contrato inclúe tamén o arrendamento e mantemento dos equipos necesarios para realizar as distintas técnicas nos hospitais Universitario Lucus Augusti (HULA), Público da Mariña e Público de Monforte de Lemos.

Os estudos anatomopatolóxicos son fundamentais para diagnosticar unha ampla variedade de enfermidades e teñen especial relevancia nos procesos oncohematolóxicos, ademais de resultar determinantes para establecer os tratamentos máis axeitados.

Segundo as estimacións de consumo anual, o HULA necesitará uns 138.950 reactivos destinados a diferentes tipos de tinguiduras e técnicas de hibridación in situ. No Hospital da Mariña a previsión é de 33.300 unidades, mentres que no de Monforte ascende a 10.800.

O expediente incorpora tamén unha condición ambiental para a empresa adxudicataria: as caixas de cartón empregadas na embalaxe dos equipos deberán conter, como mínimo, un 50 % de material reciclado. A área sanitaria xustifica esta medida polo seu compromiso coa protección ambiental e polas dúas certificacións medioambientais coas que conta.

0.16575813293457