A ARMH convoca en Lugo a primeira Ruta da Memoria do 36 para lembrar a represión franquista

A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) convoca a cidadanía a participar na primeira Ruta da Memoria do 36 en Lugo, que terá lugar o martes 20 de outubro, ás 17.30 horas, con saída da praza de Santo Domingo, diante da aguia.
Durante o percorrido visitaranse diferentes espazos nos que se exerceu a represión durante o franquismo, como a sede de Falanxe, o Pazo da Deputación, o cuartel de San Fernando, o cárcere e outros centros de represión e tortura. A iniciativa busca recuperar a memoria do sucedido en Lugo tras o golpe de Estado de 1936 e durante a Guerra Civil, nunha cidade que quedou na retagarda do exército sublevado.
A ruta tamén permitirá dar a coñecer os casos de numerosos lucenses represaliados, visitando os lugares nos que viviron ou traballaron. Entre eles figuran Ángel Pérez López, Francisco López López, Antonio Cardero Veloso, Alberto Cardero Marión, José María Fernández Rodríguez e Claudio Rodríguez Rubio, entre outros.
O percorrido estará coordinado polo investigador da ARMH Miguel Freire Sitjas e contará coa participación de poetas e escritores como Nieves Neira e Claudio Rodríguez Fer; da investigadora María do Carme García Negro; da xornalista María Valcárcel; e de familiares de vítimas, como Marieta Pérez, Nieves Chao, Joyce Carroll e John Price. Tamén estará presente a familia do poeta Luis Pimentel.
Durante a actividade leranse poemas de Luis Pimentel e textos de Ben-Cho-Shey, nunha iniciativa que pretende contribuír a manter viva a memoria das vítimas e evitar que caia no esquecemento a represión exercida en Lugo tras o golpe de Estado de 1936 e durante a Guerra Civil.