A arte de dúas irmás de Gaza chega a Lugo para poñer rostro á vida das mulleres palestinas

GaliciaXa | LugoXa
A exposición "Mulleres de Gaza" inaugúrase o luns 28 de setembro na Deputación e reúne 20 obras de Nour e Anwar Abu Rayan
cadro-sufrimento-Gaza-Museo-Lugo
26 Sep 2026

A Sala de Exposicións da Deputación Provincial de Lugo acollerá desde o luns, 28 de setembro, a mostra "Mulleres de Gaza", unha exposición das artistas cisxordanas Nour e Anwar Abu Rayan que ofrece, a través de 20 obras, unha mirada á vida cotiá das mulleres palestinas na Franxa de Gaza. A inauguración terá lugar ás 19:00 horas.

A proposta, promovida pola Área de Cultura da Deputación de Lugo a través da Rede Museística Provincial de Lugo (RMPL), busca achegar ao público diferentes realidades sociais de Oriente Próximo desde a arte contemporánea e cunha perspectiva centrada nas experiencias humanas.

As obras das irmás Nour e Anwar Abu Rayan percorren diferentes aspectos da vida diaria das mulleres de Gaza. A exposición aborda cuestións como a maternidade, a infancia e as dificultades da vida cotiá, pero tamén a capacidade para manter os vínculos, os costumes e as actividades diarias nun contexto marcado pola extrema dificultade.

A mostra pretende así ofrecer unha aproximación ás historias persoais que existen detrás da actualidade internacional e achegar ao visitante unha perspectiva centrada nas experiencias das mulleres e das familias palestinas.

A chegada de "Mulleres de Gaza" a Lugo prodúcese despois da súa itinerancia polo País Vasco, Estremadura e Santiago de Compostela. A exposición forma parte da programación do XX aniversario da Rede Museística Provincial de Lugo, impulsada pola Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación.

Neste marco, a RMPL incorpora a mostra como unha proposta orientada ao diálogo e á aproximación a outras realidades a través da cultura e da creación artística.

O proxecto conta tamén co respaldo estrutural da Coordinadora Galega de ONGD e nace da colaboración entre a Asemblea de Cooperación pola Paz e a súa entidade socia en Palestina, a ONG Psychosocial Counseling Center for Women (PSCCW). Ambas organizacións desenvolven traballo relacionado coa protección da poboación civil e a defensa de condicións de vida dignas, con especial atención ás mulleres e ás familias.

0.17216396331787