A Asociación Alto de Garabolos denuncia o deterioro da contorna da igrexa de San Lourenzo

LugoXa
Reclaman ao Concello actuacións urxentes para mellorar a seguridade, a limpeza, a accesibilidade e o mantemento da rúa Luís Soto Camino
aparcadoiro-garabolos
20 Jul 2026

A Federación de Asociacións de Veciños de Lugo Lucus Augusti e a Asociación Veciñal Cultural Deportiva Alto de Garabolos trasladaron ao Concello de Lugo as queixas recibidas da veciñanza da rúa Luís Soto Camino —antiga rúa Xenebro—, na contorna da igrexa de San Lourenzo, pola situación de deterioro urbano, falta de mantemento e problemas de seguridade que, segundo denuncian, sofre esta zona.

As dúas entidades explican que os residentes alertan do mal estado do pavimento situado fronte ao templo, onde existen fochancas e roturas que, aseguran, xa ocasionaron danos nalgúns vehículos. Tamén denuncian a presenza de coches abandonados desde hai anos sen que se procedese á súa retirada.

Outro dos aspectos que preocupa á veciñanza é o estado do campo situado diante da igrexa. Segundo indican, acumúlanse residuos, maleza, excrementos de cans, desniveis e grandes pozas cando chove, converténdose nun espazo pouco salubre e inseguro. A isto súmase a proliferación de silveiras e herbas en muros e soares, así como a existencia de cableado eléctrico á vista, sen protección nin integración na contorna.

As entidades veciñais sinalan tamén a falta de beirarrúas seguras que comuniquen a zona co centro de saúde e co colexio, unha circunstancia que consideran especialmente preocupante para nenos, persoas maiores e peóns en xeral.

Ademais, denuncian que na estrada situada detrás da igrexa se producen con frecuencia actos vandálicos, como roturas de lúas e portelos de vehículos, unha situación que atribúen á escasa iluminación existente nese punto durante a noite.

Segundo trasladan, tamén foron informados dunha actuación recente no campo situado fronte á igrexa, onde se executou unha obra que deixou á vista unha canalización de desaugadoiro, sen integración estética e actualmente oculta parcialmente pola vexetación.

Desde Lucus Augusti e a Asociación Alto de Garabolos aseguran que a veciñanza considera que o barrio está a sufrir un progresivo proceso de degradación, malia contribuír co pago dos seus impostos como o resto da cidadanía. Lembran, ademais, que este espazo foi durante anos un lugar de encontro para familias e nenos e lamentan o seu estado actual.

Por todo iso, ambas entidades solicitan á Alcaldía e ás concellarías competentes unha inspección técnica da zona, a renovación do pavimento, a retirada dos vehículos abandonados, a limpeza e mantemento periódico do campo, a construción de beirarrúas seguras, a mellora da iluminación pública, a habilitación dun aparcadoiro ordenado, o estudo da creación dun parque infantil e dunha zona verde e unha mellor integración estética das actuacións urbanísticas xa executadas.

As asociacións consideran que a situación resulta incompatible cunha cidade que pretende avanzar na mellora da calidade urbana e reclaman ao Concello unha intervención inmediata para recuperar este espazo e mellorar a calidade de vida da veciñanza.

0.12382292747498