A Asociación As Carballeiras denuncia o mal estado da área de autocaravanas das costas do Parque Rosalía

A Asociación As Carballeiras trasladou a súa preocupación polo estado no que se atopa a área de autocaravanas das Costas do Parque, un espazo que recibe visitantes ao longo de todo o ano e que, segundo denuncia a entidade, presenta importantes carencias de mantemento e conservación.
Entre as deficiencias detectadas, a asociación destaca o estado da instalación eléctrica da área, unha infraestrutura que considera esencial para o correcto funcionamento do servizo e para a seguridade das persoas usuarias. Neste sentido, reclama unha revisión e acondicionamento das instalacións co obxectivo de evitar posibles riscos derivados do seu deterioro.
A entidade tamén denuncia o mal estado da sinalización existente na zona, o que dificulta a orientación das persoas visitantes e transmite, segundo sinalan, unha imaxe de abandono impropia dun espazo destinado á acollida de turistas e viaxeiros.
Outro dos aspectos sinalados é a falta de limpeza e conservación da área, que, ao seu xuízo, require actuacións periódicas de mantemento que garantan unhas condicións axeitadas de uso, hixiene e imaxe pública.
A estas deficiencias súmase o estado do valado de madeira da contorna, que continúa sen ser reparado malia os danos que presenta desde hai tempo, unha situación que a asociación interpreta como un exemplo máis da falta de atención ao equipamento.
As Carballeiras considera que a área de autocaravanas das Costas do Parque é unha infraestrutura de interese turístico que debe manterse en óptimas condicións tanto para as persoas visitantes como para a veciñanza.
Por todo iso, solicita ao Concello de Lugo que adopte as medidas necesarias para resolver estas incidencias coa maior brevidade posible e garantir a seguridade, conservación e calidade deste espazo público.