A Asociación Cultural Cendeyca promeveu a presentación do libro ‘Descubre Lugo’

A sede da Asociación Cultural Cendeyca foi escenario o pasado martes, 14 de abril, da presentación do libro Descubre Lugo, nun acto que reuniu a numeroso público interesado na divulgación do patrimonio da provincia. O autor, José Luís Rodríguez, explicou que a obra nace coa intención de cubrir unha carencia existente no ámbito das publicacións centradas na arte, na paisaxe e na cultura lucense.
O libro propón ao lector un percorrido por trinta rutas turísticas distribuídas por toda a provincia, todas elas con saída desde a cidade de Lugo e deseñadas para realizar nun só día. A través destas itinerancias, a publicación pretende ofrecer unha nova visión dos principais atractivos culturais e naturais de cada comarca.
Rodríguez salientou a complexidade do traballo desenvolvido, que incorpora máis de 1.500 fotografías e a descrición de arredor de 650 lugares de interese, entre os que se atopan ríos, praias, fervenzas, adegas, miradoiros, museos, edificios relixiosos, pazos e castelos.
Ademais, subliñou que ao final de cada capítulo se inclúe unha relación de ligazóns de interese que facilita ás persoas lectoras a posibilidade de contactar previamente coas oficinas de turismo dos distintos concellos, así como con centros de interpretación ou museos.
O acto concluíu cun animado coloquio no que os asistentes destacaron a precisión das descricións de cada paraxe incluída na obra, poñendo en valor o seu interese tanto para visitantes como para a propia cidadanía.