A Asociación Cultural Lugo Sur Conturiz incorpora catro profesionais de referencia

LugoXa
A entidade lucense reforza o seu equipo con especialistas de distintos ámbitos para consolidar o seu papel no tecido asociativo da cidade
novos-perfís-Lugo-Sur-Conturiz
23 Jun 2026

A Asociación Cultural Lugo Sur Conturiz continúa co seu obxectivo de dinamizar a sociedade lucense a través de proxectos de divulgación cultural, sanitaria e social, e dá agora un novo paso coa incorporación de catro profesionais de recoñecido prestixio.

Estas novas colaboracións buscan reforzar áreas clave e dar resposta aos retos actuais da sociedade lucense, ao tempo que consolidan o traballo desenvolvido pola entidade nos últimos meses, co propósito de ampliar o seu impacto e alcance.

Os novos integrantes achegan perfís complementarios e unha ampla traxectoria en distintos ámbitos. Entre eles atópase Serafín Trashorras, funcionario da Deputación de Lugo, fotógrafo e documentalista, que reforzará a área cultural e impulsará a difusión do documental “Madre y maestra”, centrado na figura de Cristina Trashorras, realizado en 2017.

Tamén se incorpora Xulio Xiz, xornalista, guionista, escritor e produtor, considerado unha referencia na sociedade lucense, que contribuirá ao fortalecemento da vertente cultural da asociación grazas á súa experiencia e ao seu vínculo co territorio.

No ámbito sanitario súmase Rafael Monte, xefe de Medicina Interna no HULA, exdirector asistencial da área sanitaria de Lugo, Monforte e A Mariña, con ampla experiencia investigadora e docente na Escola Universitaria de Enfermaría da USC no Campus Terra de Lugo, cun perfil centrado na investigación, a visión de futuro e o compromiso humano.

Completa as incorporacións Armando Méndez, empresario hostaleiro e propietario, xunto ao seu irmán Alejandro, do restaurante Os Cachivaches, un dos establecementos de referencia na cidade, que achegará a súa experiencia para impulsar iniciativas relacionadas coa gastronomía e a hostalería como ámbitos de interese social.

Con estas incorporacións, Lugo Sur Conturiz busca consolidarse como un referente emerxente no panorama asociativo lucense, cun proxecto aberto á participación e dirixido ao conxunto da cidadanía.

0.083239078521729