A Asociación de Veciños de Rebordaos–Veral denuncia o abandono do mantemento municipal na parroquia

LugoXa
Critican a ausencia de actuacións na zona rural por primeira vez en máis de vinte anos e sinalan o deterioro das pistas e espazos públicos tras as festas parroquiais
parroquia-Veral-Lugo-Federación-lucus-Augusti
8 Jun 2026

A Asociación de Veciños de Rebordaos–Veral denunciou o que considera un abandono por parte da actual concellería de Zona Rural do Concello de Lugo na parroquia do Veral, ao asegurar que este ano non se realizou ningún dos traballos de mantemento que, segundo indican, viñan executándose de forma habitual desde hai máis de dúas décadas.

Segundo explican, coincidindo coas festas parroquiais, o Concello realizaba de maneira recorrente actuacións como o corte da herba nas marxes das pistas, desbroces, bacheos e a posta a punto da área recreativa municipal, co obxectivo de garantir a seguridade e o uso normal dos espazos públicos tanto para a veciñanza como para as persoas visitantes.

A entidade veciñal sostén que nesta ocasión, por primeira vez en máis de vinte anos, non se executou ningunha destas intervencións por parte da concellería de Zona Rural, o que cualifican como un abandono total do servizo nunha zona na que consideran que estas tarefas eran habituais e necesarias.

A asociación tamén achega documentación gráfica, con fotografías tomadas na mañá do luns 8 de xuño, unha vez finalizadas as festas celebradas a pasada fin de semana. Nesas imaxes, segundo indican, pode observarse o estado das pistas que conectan Astariz con Peñarubia e O Veral con Peñarubia, onde denuncian a falta de mantemento e o deterioro do firme e das marxes.

0.13250303268433