A Asociación Val do Rato denuncia o deterioro da calzada das Gándaras tras unha reparación

LugoXa
O colectivo veciñal critica o parcheado realizado despois dunha fuga de auga, que, segundo asegura, presenta afundimentos, fochancas e gretas poucos días despois das obras, e reclama unha solución definitiva
mal-estado-estrada-as-gandaras
25 Nov 2026

A Asociación Val do Rato denunciou o mal estado do firme da calzada das Gándaras e criticou a actuación municipal realizada recentemente para reparar unha fuga de auga. Segundo o colectivo, tras arranxar a tubaxe, o pavimento foi reposto cun parche de formigón que, poucos días despois de rematar os traballos, xa presenta afundimentos, fochancas e gretas.

A entidade considera que esta intervención non só non resolveu os problemas existentes, senón que agravou o deterioro da vía e xerou novos riscos para a circulación de vehículos e o tránsito peonil. Ademais, asegura que o estado do firme provoca molestias constantes á veciñanza polos ruídos e as vibracións que produce o tráfico ao pasar pola zona.

Desde a asociación critican a falta de planificación e a utilización de arranxos provisionais que, ao seu xuízo, non ofrecen garantías de durabilidade. Neste sentido, lembran que a calzada das Gándaras forma parte do remate do Plan Paradai, un proxecto cuxa execución leva solicitada e polo que o barrio agarda desde hai 30 anos.

O colectivo considera inxustificable que, tras tres décadas de espera polo desenvolvemento urbanístico comprometido, a resposta sexan reparacións que cualifica de precarias e que se deterioran aos poucos días. Por iso, reclama unha actuación definitiva que permita renovar o pavimento e garantir unhas condicións adecuadas de seguridade viaria para os residentes.

A Asociación Val do Rato insiste en que os veciños e veciñas das Gándaras levan demasiado tempo soportando o deterioro da calzada e reclama que os recursos públicos se destinen a solucións duradeiras, en lugar de intervencións puntuais que, segundo denuncia, acaban empeorando a situación.

0.24471211433411