A Asociación Valle Inclán impulsa un novo encontro con reflexións sobre a democracia actual

LugoXa
O encontro será o xoves ás 19:30 horas no Salón de Actos da Deputación Provincial con participantes de distintos ámbitos profesionais
fachada-Deputación-de-Lugo-portada
5 May 2026

A Asociación Valle Inclán continúa avanzando no desenvolvemento do ciclo “Agora non é antes”, cun novo acto que se celebrará o día 7 de maio ás 19:30 horas no Salón de Actos da Deputación Provincial de Lugo.

A iniciativa busca dar voz a persoas que non viviron directamente o franquismo e que, pola súa idade, se atopan nun momento central das súas vidas, nun contexto no que a democracia, instaurada hai arredor de 50 anos, está a ser cuestionada ou reinterpretada desde determinados sectores.

Nesta ocasión, a mesa redonda contará coa participación de Alicia Carballedo Portela, Olga Louzao Aldariz, Serxio Mª Rodríguez Álvarez e Fernando Suárez Barcia, mentres que a presentación e moderación correrá a cargo de Xosé Ramón Cando Vázquez, filósofo e escritor. Todos eles compartirán as súas experiencias e ofrecerán a súa visión sobre o sistema democrático actual, nun espazo de reflexión que pretende analizar a evolución e os retos do presente.

O ciclo “Agora non é antes” céntrase en perfís que tiveron relación ou protagonismo na actividade política no pasado, mais que na actualidade non ocupan postos de primeira liña e desenvolven as súas traxectorias profesionais en ámbitos como a radio, a administración pública ou a universidade. A proposta busca fomentar o debate e a análise crítica sobre o modelo democrático e a súa transformación ao longo do tempo.

0.11857199668884