A asociación veciñal do Centro reclama máis participación e solucións para os principais problemas do barrio

LugoXa
Os residentes trasladan á alcaldesa demandas relacionadas co estado das rúas, o ruído, a mobilidade e o futuro de infraestruturas estratéxicas para a zona histórica
proxecto-Corazón-Verde-centro-de-Lugo
10 Jun 2026

Representantes da Asociación de Veciños Centro de Lugo mantiveron unha reunión coa alcaldesa de Lugo, Elena Candia, para trasladarlle as principais preocupacións e reivindicacións da veciñanza. O encontro desenvolveuse nun clima cordial e produtivo, no que a entidade solicitou que se continúe tendo en conta o traballo realizado durante os últimos anos e ofreceu a súa colaboración para contribuír á resolución dos problemas que afectan ao barrio.

Durante a reunión, os representantes veciñais reclamaron que a asociación sexa informada de maneira prioritaria sobre as actuacións que o Concello prevé desenvolver na zona centro. Entre as cuestións expostas destacou a necesidade de atopar unha solución definitiva ao deterioro do pavimento nas áreas recentemente peonalizadas e nas rúas afectadas polas obras realizadas nos últimos anos, con especial atención á Rúa Nova e a Quiroga Ballesteros.

A asociación tamén puxo sobre a mesa a preocupación existente polos problemas de contaminación acústica e de seguridade viaria. Neste sentido, trasladou diversas propostas relacionadas coas ordenanzas municipais de contaminación acústica e terrazas, así como achegas para mellorar o servizo de transporte urbano.

Outra das peticións formuladas foi a realización de xestións para dotar de uso ao quiosco situado na Praza de Santo Domingo. Ademais, os veciños insistiron na necesidade de avanzar de forma efectiva na definición do futuro de dúas infraestruturas que consideran fundamentais para o desenvolvemento do centro urbano: o Cuartel de San Fernando e o pavillón da OJE. Sobre este último proxecto, que xa fora abordado pola asociación co anterior goberno municipal, a alcaldesa expresou a súa conformidade coas propostas expostas e manifestou o seu firme compromiso de buscar unha solución.

Como novidade, a entidade solicitou que o Concello habilite os mecanismos necesarios para que un representante da asociación poida intervir nos plenos municipais e expoñer directamente cuestións que afecten á veciñanza do Centro. Segundo indicaron, esta medida permitiría abrir a porta a que outras asociacións veciñais da cidade tamén poidan participar de forma máis activa na vida municipal.

No mesmo sentido, a asociación reclamou ser convocada ás comisións de pleno nas que se debatan asuntos relacionados co barrio Centro, co obxectivo de poder achegar a súa opinión e colaborar na toma de decisións sobre cuestións que afectan directamente aos residentes da zona.

0.12174916267395