A Asociación Veciñanza María Balteira denuncia o mal estado da rúa Lavandeira

A Asociación Veciñanza María Balteira, do barrio da Piringalla, trasladou a súa fonda preocupación polo estado da rúa Lavandeira, unha situación que, segundo denuncian, se prolonga no tempo e que empeorou de maneira significativa nas últimas semanas polo progresivo deterioro do firme.
A entidade veciñal sinala que nos últimos días recibiu numerosas queixas e avisos de residentes, acompañados de fotografías recentes nas que se aprecia o mal estado da vía, con fochancas e desperfectos que supoñen un risco evidente tanto para os vehículos como para os peóns. Neste sentido, consideran que a situación é “insostible” e incompatible cunha mobilidade segura na zona.
Por iso, a asociación solicita á Concellería de Vías e Obras do Concello de Lugo unha actuación inmediata para proceder ao arranxo integral da rúa Lavandeira, co obxectivo de garantir unhas condicións mínimas de seguridade, accesibilidade e dignidade urbana.
Así mesmo, o colectivo veciñal puxo o foco noutra problemática detectada no barrio: a existencia dun bache de grandes dimensións no cruzamento entre a rúa Buxo e a rúa das Fontes. Segundo explican, este socavón está a provocar danos nos vehículos, manobras bruscas para evitalo e converteuse nun punto especialmente conflitivo para a circulación diaria.
A asociación advirte de que o deterioro desta zona avanza rapidamente e de que o risco aumenta a medida que pasan os días sen intervención municipal, polo que reclama que a súa reparación sexa prioritaria e urxente para evitar posibles accidentes e danos materiais que xa se están producindo.