A Capela de Santa María acolle unha exposición fotográfica sobre o oficio tradicional de ferreiro

A Capela de Santa María acollerá este venres 6 de novembro, ás 18:00 horas, a inauguración da exposición fotográfica 'O Ferreiro de Riotorto. Unha Sinfonía en Catro Tempos', da artista e deseñadora Laura Alonso, que poderá visitarse ata o 20 de decembro.
O proxecto busca documentar a esencia do oficio tradicional de ferreiro a través dunha mirada íntima e artística sobre o espazo de traballo, as ferramentas e o día a día dun artesán. A proposta ten tamén un carácter persoal, xa que o protagonista das fotografías é o pai da autora.
As imaxes combínanse con textos extraídos das conversas entre pai e filla e estrutúranse en catro tempos, vinculados a catro elementos naturais relacionados co oficio, que funcionan tamén como os movementos dunha sinfonía.