A carreira solidaria 'Donar é amar' regresa a Lugo o 7 de xuño organizada por ALCER Lugo

ALCER Lugo, Asociación para a Loita Contra as Enfermidades do Ril, en colaboración con CCNorte, organiza a III edición da carreira solidaria 'Donar é amar', que se celebrará o domingo 7 de xuño ás 10.30 horas con saída desde a Praza Maior de Lugo. Trátase dun evento solidario no que a recadación irá destinada a apoiar a causa da entidade.
A xornada deportiva incluirá diferentes modalidades e percorridos adaptados ás distintas idades. Ás 10.30 horas terá lugar a andaina non competitiva de 3000 metros, aberta a todas as idades e cunha volta á Muralla. Ás 11.00 horas será a quenda das categorías SUB14 e SUB16, tamén con 3000 metros. Ás 11.10 horas competirán as categorías SUB10 e SUB12 cun percorrido de 960 metros na Praza de España.
Xa ás 11.20 horas celebrarase a proba de PITUFOS, non competitiva, cun tramo de 130 metros entre o Círculo de Bellas Artes e o Concello. A partir das 11.30 horas disputaranse as categorías SUB18 e demais categorías de adultos, cun percorrido de 5200 metros, equivalente a dúas voltas completas á Muralla de Lugo.
No que respecta ás categorías xuvenís, establécense as seguintes franxas: SUB18 (2009-2010), SUB16 (2011-2012), SUB14 (2013-2014), SUB12 (2015-2016), SUB10 (2017-2018) e SUB8 (2019 en diante, categoría PITUFOS). En adultos diferéncianse as categorías sénior (ata 34 anos) e máster A, B, C e D, segundo franxas de idade.
En canto aos premios, as categorías PITUFOS recibirán medallas para todos os participantes, mentres que nas categorías SUB10 a SUB18 entregaranse trofeos aos tres primeiros clasificados. Nas categorías de adultos tamén se premiará aos tres primeiros sénior e aos tres mellores de cada categoría máster, sendo os premios acumulables.