A Casa da Galería presenta a súa programación de verán con exposicións, conferencias, cinema e fotografía

A Fundación Margarita Ledo Andión presentou a programación cultural de verán da Casa da Galería, unha iniciativa que se desenvolverá durante os meses de xullo, agosto e setembro e que combinará actividades relacionadas co cinema, a cultura e a comunicación, os tres eixos que definen este espazo situado en Castro de Rei.
A programación arrancará o vindeiro 17 de xullo coa inauguración da exposición Cabezas Cortadas, do deseñador Pepe Barro, que permanecerá aberta ao público ata o 17 de setembro. A mostra reúne máis dun cento de pezas elaboradas a partir de envases, cartóns e outros materiais de uso cotián, transformados en personaxes e formas singulares a través da creatividade, o humor e a observación.
O 8 de agosto, ás 19.00 horas, e en colaboración co Museo do Castro de Viladonga, celebrarase a presentación de Evocare, unha proposta de Pepe Coira xunto á Orquestra Clásica de Vigo centrada arredor de Canto de emigración, unha película desaparecida de Antonio Román con música de Teódulo R. Páramos. A actividade ofrecerá unha recreación escénica, visual e musical desta obra destacada da vangarda cinematográfica galega.
A programación continuará o 21 de agosto coa conferencia Fientosa, poeta de noso na fosa (1936. Claves do asasinato), impartida por Ricardo Polín. A intervención abordará a figura do poeta e profesor Francisco de Fientosa e as circunstancias da súa morte no contexto da represión de 1936.
Xa no mes de setembro, o día 4, María Xosé Porteiro ofrecerá a conferencia Begoña Caamaño, xornalismo para a cidadanía. Durante a xornada tamén se proxectará o documental da Real Academia Galega Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul.
O programa pecharase os días 15 e 16 de setembro coa celebración de Olladas de auga, un obradoiro de fotografía documental dirixido polo Colectivo Ollo e coordinado por Mª Soliña Barreiro, profesora da Universidade de Santiago de Compostela. A iniciativa contará coa participación de persoas usuarias de COGAMI e buscará explorar novas perspectivas sobre o territorio a través da fotografía, a colaboración e a accesibilidade.
Esta programación chega nun momento especialmente relevante para a Fundación, tras a incorporación dos fondos da Colección Museográfica Margarita Ledo Andión ao Sistema Galego de Centros Museísticos e a apertura de novos espazos destinados á súa exposición permanente. Con esta proposta, a Casa da Galería reforza a súa aposta pola creación, a memoria e o diálogo entre disciplinas, consolidándose como un referente cultural que promove unha mirada contemporánea desde o ámbito rural.