A Casa das Insuas acollerá este venres a presentación dun libro e a proxección dunha curtametraxe

A Casa das Insuas converterase este venres, 6 de novembro, nun punto de encontro para a cultura e a reflexión sobre o territorio cunha programación que combinará literatura e cinema. A primeira das actividades será, ás 18:30 horas, a presentación do libro Un monte todos os montes, unha publicación colectiva impulsada por Azul Máis Verde Coop. co apoio da Fundación Daniel y Nina Carasso.
A obra propón unha nova mirada sobre o monte galego, entendido non só como un espazo natural, senón tamén como un territorio de vida, memoria, cultura e comunidade. A través de experiencias desenvolvidas en diferentes lugares de Galicia, aborda cuestións como a defensa do territorio, a conservación dos bosques autóctonos, a xestión comunitaria dos montes e as formas colectivas de coidar e transformar as paisaxes.
A Asociación Galega de Custodia do Territorio participa na publicación cun capítulo específico sobre a custodia do territorio en montes veciñais en man común e montes de varas, no que comparte a súa experiencia e visión sobre a restauración e conservación dos valores ambientais destes espazos.
A actividade está vinculada ao acordo de custodia do territorio que a Deputación de Lugo mantén coa Asociación Galega de Custodia do Territorio para a conservación, investigación e divulgación da natureza nas Insuas do Miño e nos Ollos de Begonte, espazos da institución provincial que forman parte da Reserva da Biosfera Terras do Miño.
A programación continuará ás 20:30 horas coa iniciativa Cine na Casa das Insuas, na que se proxectará a curtametraxe Pura. Ao remate da sesión celebrarase un coloquio coa súa autora, Carmen Méndez, gañadora do Premio Mestre Mateo á mellor curtametraxe de imaxe real na XXIII edición destes galardóns.
A sesión ofrecerá ao público a oportunidade de achegarse ao cinema galego, coñecer de primeira man o proceso creativo da obra e compartir impresións coa súa autora. A actividade está organizada polo Club de Lectura de Fillos do Chaira e será aberta a todo o público, con entrada gratuíta.