A Casa das Insuas acollerá unha xornada de traballo sobre a protección do gando fronte ao lobo

A Casa das Insuas de Rábade acollerá o vindeiro luns 18 de maio unha xornada de traballo centrada na protección do gando fronte ao lobo, organizada en colaboración con Beealia. A iniciativa está dirixida principalmente a gandarías, aínda que permanece aberta a todas as persoas interesadas nesta problemática.
A sesión desenvolverase entre as 10.00 e as 13.00 horas e terá como obxectivo avanzar na definición de estratexias de protección adaptadas ás necesidades reais das explotacións participantes. Durante a xornada analizaranse os pros e os contras das distintas medidas preventivas existentes, así como casos concretos para buscar as ferramentas máis eficaces á hora de evitar ataques ao gando.
Segundo explican desde a organización, o encontro servirá tamén para compartir os resultados da Rede de gandarías extensivas pola convivencia co lobo, promovendo o intercambio de experiencias e solucións prácticas entre profesionais do sector.
A actividade conta coa colaboración de diferentes entidades e administracións e enmárcase nas accións orientadas a favorecer a convivencia entre a actividade gandeira e a conservación da fauna salvaxe no medio rural.