A CHMS obriga a retirar o pantalán do Miño e a oposición acusa ao PP de improvisación e propaganda

LugoXa
O BNG e o PSdeG cuestionan a xestión do Goberno local ao asegurar que a anunciada praia fluvial carecía de planificación e de tramitación administrativa
novo-Goberno-PP-Lugo-praia-fluvial-río-Miño
3 Jul 2026

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) confirmou, a través do seu presidente, José Antonio Quiroga, que o pantalán instalado polo Concello de Lugo no río Miño, á altura dos Robres, deberá ser retirado o vindeiro martes 7 de xullo. A infraestrutura fora colocada en colaboración coa Federación Galega de Piragüismo e a autorización concedida estaba vinculada unicamente á celebración de dúas competicións deportivas: os campionatos galego e estatal de barco dragón.

Desde a CHMS explicaron que a plataforma flotante, ancorada a terra e sen incidencia directa sobre o leito do río, recibiu un permiso temporal e limitado para o desenvolvemento destas probas deportivas, polo que a súa permanencia máis aló desa finalidade non estaba contemplada.

Tras coñecerse esta situación, o BNG de Lugo criticou o que considera unha "falta de planificación" por parte do Goberno municipal do Partido Popular. O voceiro nacionalista no Concello, Rubén Arroxo, definiu a actuación como "un novo exemplo da política de escaparate do PP" e asegurou que a xestión do Executivo evidencia, ao seu xuízo, unha falta de preparación para gobernar a cidade.

Os nacionalistas consideran que o anuncio da denominada praia fluvial respondeu a unha acción propagandística sen unha planificación real detrás, xerando expectativas que agora quedan frustradas coa retirada do pantalán poucos días despois da súa colocación. Arroxo advertiu de que os recursos públicos non deberían empregarse para anuncios destinados unicamente a obter repercusión pública e criticou a ausencia dun proxecto definido para mellorar a calidade de vida da veciñanza.

Desde o BNG lembraron ademais o importante valor ambiental e social do río Miño, subliñando que calquera actuación neste espazo debe desenvolverse cunha planificación adecuada e contando co visto e prace das administracións competentes. Neste sentido, reclamaron ao Executivo local que abandone a improvisación e aposte por unha xestión baseada na responsabilidade.

Tamén o Grupo Municipal Socialista cuestionou a actuación do Goberno local. O concelleiro Jorge Bustos sostivo que o suposto proxecto de praia fluvial "non existe máis aló da propaganda institucional" e afirmou que este episodio reflicte unha forma de gobernar baseada na improvisación, nos anuncios sen respaldo administrativo e na utilización da comunicación pública para presentar iniciativas inexistentes.

Segundo explicou Bustos, o Concello non iniciou en ningún momento procedementos administrativos para habilitar oficialmente unha zona pública de baño no Miño. O edil insistiu en que a autorización existente limitábase a un permiso temporal de dez días solicitado por un club deportivo da cidade para instalar o pantalán con motivo dunha competición.

O representante socialista lembrou tamén que a zona na que se colocou a estrutura conta cun nivel de protección ambiental superior ao doutras áreas próximas, como a situada entre Acea de Olga e A Tolda, onde o anterior Goberno municipal impulsara un proxecto de acceso público ao río. Segundo indicou, esa iniciativa atopou dificultades derivadas dos criterios ambientais esixidos pola Xunta.

Bustos cuestionou ademais que argumentos técnicos empregados no pasado para frear actuacións similares deixen agora de aplicarse e asegurou que unha verdadeira praia fluvial require infraestruturas e servizos específicos, como vestiarios, espazos de lecer, accesos seguros, servizos de socorrismo, sinalización e garantías técnicas para autorizar o baño.

Na súa valoración, presentar a actual situación como unha futura praia fluvial constitúe unha mensaxe enganosa para a cidadanía, ao non existir —segundo indicou— nin proxecto definitivo, nin expedientes administrativos, nin autorizacións para esa finalidade.

O edil contrapuxo esta situación co proxecto promovido polo anterior Goberno municipal para crear unha zona pública de baño entre Os Robres e a Fábrica da Luz, integrada nun plan máis amplo de recuperación das marxes do Miño e complementada coa futura piscina pública das Saamasas. Ademais, asegurou que os permisos necesarios ante a Confederación Hidrográfica Miño-Sil xa foran xestionados para esa actuación.

Finalmente, Jorge Bustos pediu ao Goberno local que deixe de lado o que definiu como "operacións de maquillaxe mediática" e centre os seus esforzos en desenvolver proxectos sólidos e planificados, defendendo que Lugo precisa investimentos, rigor e actuacións reais fronte a anuncios temporais.

0.12484288215637