A ciencia chega a Lugo co campus de verán Xuvenciencia

LugoXa
Os 65 estudantes preuniversitarios inscritos nesta iniciativa do grupo XuvenCiencia da USC traballarán en grupos burbulla.
xuvenciencia lugo
25 Xuño 2021

A novena edición do Campus de Verán XuvenCiencia, un programa de convivencia e divulgación científica promovido polo grupo de innovación docente XuvenCiencia da USC, bota a andar este luns 28 de xuño, ás 10.30 horas no Campus de Lugo cunha ruta cultural e medioambiental pola contorna da urbe amurallada.

Os 65 estudantes preuniversitarios inscritos neste campamento de divulgación científica, acompañados de docentes e monitores, partirán dende a Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para logo recorrer un treito do Camiño Primitivo e pasear logo polas ribeiras dos ríos Miño e Rato.

A diferencia doutras edicións, os participantes no Campus de Verán XuvenCiencia 2021 traballarán ao longo de toda a semana en grupos burbulla, con 5 ou 6 estudantes implicados en cada un dos proxectos e obradoiros programados, a fin de garantir as condicións de seguridade, segundo subliñou a coordinadora do grupo XuvenCiencia da USC. Mercedes Novo lembrou asemade que o alumnado poderá así escoller entre dez proxectos e un obradoiro de medios de comunicación.

A esta oferta súmanse obradoiros de tarde para a representación gráfica de datos e a elaboración de vídeos de divulgación científica e de YouTube, que despois participarán en concurso no Festival de Vídeos XuvenCiencia. Haberá, ademais dalgunha sorpresa, charlas divulgativas e unha auténtica Feira de Ciencia no Campus de Lugo, que se desenvolverá ao longo da xornada do venres 2 de xullo.

xuvenciencia
0.1963632106781