A CIG alerta da falta continuada de persoal na residencia DomusVi de Outeiro de Rei

A CIG-Servizos denuncia a falta continuada de persoal xerocultor na residencia DomusVi de Outeiro de Rei, unha situación que se prolonga desde hai aproximadamente 20 días e que está a provocar unha importante sobrecarga de traballo e dificultades para garantir unha atención adecuada ás persoas residentes.
Segundo informa a CIG-Servizos de Lugo-A Mariña, as presenzas de persoal establecidas e asinadas contemplan 16 traballadoras na quenda de mañá, 13 na de tarde e tres na de noite. Porén, estas cifras practicamente non se están cumprindo ningún día desde hai varias semanas. Na práctica, o centro conta con arredor de 12 persoas traballadoras pola mañá, entre sete e oito pola tarde e, en ocasións, unicamente dúas durante a noite.
Esta falta de efectivos provoca que dúas plantas teñan que ser atendidas por só sete xerocultoras, fronte ás 11 que deberían estar dispoñibles. "Isto supón que cada profesional teña que atender unha media de 17 ou 18 persoas residentes, fronte ás 12 que corresponderían en condicións habituais", denuncia a representación sindical. Como exemplo da situación, sinala que durante a xornada de folga xeral se estableceron uns servizos mínimos con máis presenza de persoal que a que houbo no centro durante as semanas anteriores.
A representación da CIG na residencia advirte de que as consecuencias desta situación van máis alá da sobrecarga laboral. "Non estamos falando simplemente de traballar con máis presión ou de ter máis tarefas. Estamos falando de persoas maiores dependentes que precisan axuda para todas as actividades básicas da vida diaria: erguerse, asearse, ducharse, vestirse, realizar mobilizacións, acudir ao baño e recibir axuda para alimentarse", sinala.
A falta de persoal está a provocar esperas na atención, atrasos nos almorzos e dificultades para cumprir os horarios habituais de aseo e ducha. "As persoas traballadoras vémonos obrigadas a correr constantemente para intentar chegar a todo, mentres se seguen producindo novos ingresos de residentes", advirten.
Desde a organización sindical lembran que, noutras ocasións nas que se produciron problemas similares, a empresa optou por paralizar temporalmente os ingresos de novas persoas residentes ata recuperar unha dotación adecuada de persoal. Porén, aseguran que actualmente se seguen admitindo novos ingresos a pesar de non contar cos efectivos suficientes para garantir unha atención en condicións adecuadas.
A situación tamén está a ter consecuencias sobre o propio cadro de persoal, con varias baixas laborais relacionadas coa sobrecarga de traballo. A representación sindical asegura que trasladou en diversas ocasións a súa preocupación á dirección e á coordinación do centro, pero "seguimos sen atopar unha solución efectiva. A resposta que recibimos é que se está buscando persoal, pero que non hai traballadoras/es dispoñibles".
A CIG rexeita que se pretenda normalizar o traballo baixo mínimos e asegura que non vai tolerar que a responsabilidade pola falta de organización e de persoal recaia "sobre quen está cada día ao pé do canón".
Por este motivo, reclama á dirección da empresa a adopción de medidas urxentes para cubrir as presenzas de persoal establecidas, valorar a paralización de novos ingresos mentres non exista unha dotación suficiente e garantir unha atención adecuada ás persoas residentes.