A CIG reclama a apertura inmediata da negociación do convenio do comercio de alimentación en Lugo

LugoXa
O sindicato denuncia o bloqueo de Gadis e Froiz e esixe melloras salariais e laborais para un sector que considera o peor remunerado de Galicia
CIG-Gadis-Lugo-Convenio-Alimentacion-Lugo
4 Jun 2026

A CIG mobilizouse diante de establecementos de Gadis e Froiz en Lugo para reclamar a constitución inmediata da mesa de negociación do convenio provincial de comercio de alimentación.

A central sindical denuncia que ambas compañías, que concentran a totalidade da representación patronal no sector, non responderon ás peticións formuladas para iniciar as negociacións do novo marco laboral, a pesar de que o convenio vixente expirou o pasado 31 de decembro de 2025.

Desde a CIG consideran que non só é necesario renovar o convenio, senón tamén impulsar cambios que permitan mellorar as condicións salariais, laborais e sociais dun colectivo que, segundo sosteñen, se atopa en clara desvantaxe respecto ao persoal doutras provincias galegas do mesmo sector.

O sindicato advirte de que o incremento continuado do custo da vida, unido aos beneficios obtidos polas grandes empresas da distribución alimentaria, fai imprescindible unha negociación rápida que evite que os traballadores e traballadoras continúen perdendo capacidade adquisitiva e vexan deteriorados os seus dereitos.

Segundo explicou Xosé Paz, a federación de servizos da organización sindical elaborou unha plataforma reivindicativa que pretende compartir co resto das centrais para buscar unha posición común na negociación. Entre as principais demandas figura a equiparación progresiva dos salarios cos establecidos na provincia da Coruña, ao considerar que existen importantes diferenzas retributivas entre empregados de empresas situadas a poucos quilómetros de distancia pero pertencentes a provincias distintas.

A proposta da CIG inclúe tamén a redución da xornada anual ata as 1.713 horas, equivalentes a unha semana laboral de 37,5 horas, así como a cobertura do 100 % do salario nos procesos de incapacidade temporal, a garantía do acceso á xubilación parcial e o recoñecemento do complemento por quebranto de moeda para o persoal encargado.

Ademais, o sindicato reivindica a ampliación das vacacións ata os 32 días naturais, unha medida que xa se aplica no convenio de Ourense, así como un aumento dos días de asuntos propios, melloras nas licenzas por consultas médicas e a actualización doutras licenzas xa recollidas no Estatuto das persoas traballadoras.

0.11879801750183