A compañía de teatro da USC en Lugo estrea ‘Do marabilloso mundo dos animais, os cordeiros’

A compañía de teatro da USC en Lugo estrea o vindeiro 19 de abril a peza ‘Do marabilloso mundo dos animais, os cordeiros’, nunha función que terá lugar no Pazo San Marcos con dous pases programados para as 18:00 horas e as 20:30 horas e un aforo de 50 persoas en cada sesión.
A proposta céntrase nun “teatro da desintegración” na Arxentina, en 1992, no que unha casa funciona como reflexo dun microcosmos social. A obra reúne once intérpretes en escena que van desfacendo unha familia peza a peza para afondar no absurdo, no sinistro e no non dito, explorando o que se agocha detrás das relacións humanas e o lado máis instintivo ou “animal” das persoas, configurando así unha composición do descomposto.
A dirección corre a cargo de Stephanie Cubides, que tamén participa noutras áreas creativas do proxecto. No elenco figuran Fuco Cernadas, Anne Rodríguez, Helena Sánchez, Iria Núñez, Irene Uriarte, Jim Díaz, Sandra López, Sabela Álvarez, Josin Ayán e Lucía Mondragón. O apartado de escenografía está asinado por Stephanie Cubides, mentres que o vestiario e os complementos son obra de INPE – Inés Penelas.
O cartel e o programa levan a sinatura de Daniela Blanco e da propia Stephanie Cubides. O espazo sonoro está desenvolvido por Stephanie Cubides e Rocío León, quen tamén asina a dirección das partituras físicas xunto con Mahecha Rocío León.