A comunidade educativa do CPI de Navia de Suarna pon en valor o patrimonio cultural e lúdico dos Ancares

A comunidade educativa do CPI de Navia de Suarna reuniuse arredor das publicacións “Unha historia para un futuro”, “Unha imaxe... mil recordos” e “Xogos tradicionais e populares dos Ancares”, editadas polo Servizo de Publicacións da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. O encontro tivo lugar nun acto celebrado na área recreativa da Proba, onde se presentaron as tres obras e a rapazada puido poñer en práctica algúns dos xogos tradicionais recollidos nos volumes.
O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, destacou durante o acto o valor cultural destas publicacións, sinalando que naceron como propostas dunha comunidade comprometida e orgullosa do seu territorio e da súa identidade, polo que considerou especialmente satisfactorio ter contribuído a que puidesen saír adiante.
Os volumes “Unha historia para un futuro” e “Unha imaxe... mil recordos” recompilan fotografías históricas recollidas polo alumnado do CPI de Navia de Suarna baixo a coordinación do equipo de Normalización Lingüística do centro. Estas obras foron editadas por primeira vez en 2014 e agora reeditadas nun novo formato máis amplo, que revaloriza as imaxes e amplía as posibilidades de distribución dun traballo que espertou grande interese entre a veciñanza do municipio.
Pola súa parte, “Xogos tradicionais e populares dos Ancares”, de Ismael López, describe e ilustra con debuxos de Lucía Barros un total de setenta xogos populares recollidos polo autor nas serras e vales dos Ancares. A publicación adopta a forma dunha guía ilustrada que contribúe a preservar este patrimonio lúdico, evitando o seu esquecemento e poñéndoo a disposición das novas xeracións.