A Consellería de Cultura celebra en Lugo o Día Internacional dos Arquivos cun programa especial

LugoXa
O Arquivo Histórico Provincial de Lugo acollerá o 9 de xuño actividades abertas ao público que inclúen unha mostra documental, visitas guiadas e un concerto final
arquivo-municipal-Lugo
6 Jun 2026

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude conmemorará o Día Internacional dos Arquivos o martes 9 de xuño no Arquivo Histórico Provincial de Lugo cunha programación especial pensada para achegar o traballo arquivístico á cidadanía, na que se combinan visitas guiadas, música en directo e a presentación dun novo elemento da colección Documentos Singulares.

A xornada abrirase ás 12:00 horas cunha visita ás instalacións, na que o persoal técnico explicará o proceso polo que pasa a documentación desde a súa recepción ata o seu arquivo definitivo nos depósitos. Durante o percorrido tamén se amosará unha selección de documentos representativos dos fondos que custodia o centro. As persoas interesadas en participar deberán inscribirse previamente no teléfono 982 828 318 ou no correo electrónico facilitado pola organización.

Xa pola tarde, ás 19:00 horas, presentarase un novo “documento singular”, unha iniciativa que se desenvolve desde o ano 2014. Nesta ocasión trátase do Tombo 3 do Mosteiro de Penamaior, situado en Becerreá, un manuscrito elaborado entre 1702 e 1835 que recolle información sobre a fundación do cenobio, os privilexios e doazóns recibidas de reis e nobres, así como datos detallados sobre o seu amplo patrimonio territorial, repartido por varios municipios da provincia de Lugo.

O peche da programación chegará cun concerto a cargo dun quinteto de vento metal da Xove Orquestra de Lugo Terra Nova, dirixida por Nicolás Ravelli Barreiro, que poñerá o broche musical a unha xornada aberta e gratuíta.

0.12040495872498