A Deputación adxudica as obras da estrada entre Palas e Friol e licita outra actuación en Xermade

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo deu este venres un novo impulso á mobilidade da provincia coa activación de preto de 1,5M€ destinados á renovación de oito estradas provinciais e á modernización da maquinaria do Parque Móbil. Así o informou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, tras a reunión semanal.
“Seguimos avanzando no noso compromiso coa mellora das comunicacións, a seguridade viaria e os servizos públicos nos concellos da provincia, con un investimento que permitirá actuar en máis de 13 quilómetros de estradas e tamén reforzar os medios cos que prestamos servizo”, valorou García Porto.
Avanzou nese sentido que a Xunta de Goberno licitou dous proxectos por un importe conxunto que supera o medio millón de euros.
En Xermade, a Deputación investirá 249.399,56€ para mellorar diferentes tramos de catro estradas provinciais que conflúen no núcleo urbano da capitalidade municipal e que servirá “para darlle unha volta moi importante á mobilidade na capitalidade do municipio”: a LU-P-2201 e o seu ramal, a LU-P-2203, a LU-P-2205 e a LU-P-2213.
Os traballos consistirán na mellora da drenaxe, pavimentación con aglomerado en quente e reposición da sinalización.
A Xunta de Goberno adxudicou ademais tres proxectos de mellora da rede provincial cun investimento total de 814.108 euros. Entre Palas de Rei e Friol, a empresa Cholo SL será a encargada de acometer a rehabilitación de varios tramos da LU-P-4004 por 269.761,86€.
A actuación afectará aos treitos ao inicio e ao final da vía, comprendidos entre os puntos quilométricos 1,3 e 3,1; 3,7 e 5,5; e 9,8 e 10,2. Esta estrada presta servizo a explotacións gandeiras, establecementos de turismo rural e distintos núcleos de poboación da zona.
As obras consistirán fundamentalmente na mellora da drenaxe, a renovación do firme mediante aglomerado en quente e a reposición da sinalización, cun prazo de execución de catro meses.
Nova maquinaria para o Parque Móbil
Licitada tamén unha escavadora de cadeas de goma por un importe de 159.720€. Unha máquina que permitirá reforzar os traballos que realiza o Parque Móbil en toda a provincia, especialmente actuacións de escavación, movemento de terras, conservación de camiños e infraestruturas e limpeza de cunetas.
Con esta adquisición, “a institución provincial continúa avanzando na modernización dos seus medios materiais para ofrecer unha resposta máis eficaz ás necesidades dos concellos e garantir un mellor mantemento das infraestruturas públicas”.