A Deputación adxudica por máis de 459.000 euros o equipamento da cociña do CAM de Becerreá

A cociña do Centro de Atención a Maiores (CAM) de Becerreá contará con novo equipamento industrial tras a adxudicación dos traballos aprobada pola Xunta de Goberno da Deputación de Lugo. O contrato suma 459.051,31 euros e divídese en dous lotes para abordar tanto a dotación da cociña como a subministración do sistema de almacenamento de combustible.
O primeiro lote foi adxudicado á empresa Mariña Clima SL por un importe de 441.705,21 euros. Este contrato abrangue o fornecemento do equipamento industrial necesario para a cociña e a adaptación das instalacións para a súa posta en funcionamento.
Pola súa banda, Socogas SA encargarase do segundo lote, cun orzamento de adxudicación de 17.346,10 euros, correspondente á subministración dun depósito de gas licuado do petróleo (GLP).
A contratación permitirá dotar a cociña do centro de maiores dos medios necesarios para o seu funcionamento, mediante a renovación do equipamento e a adecuación das instalacións asociadas.