A Deputación aproba un convenio para construír un Punto de Atención da Infancia en Pol

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres un paquete de medidas para reforzar, con 2,7 millóns de euros, a cooperación cos concellos, apoiar ao tecido produtivo da provincia e seguir mellorando as infraestruturas e os servizos públicos. Así o informou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto na rolda de prensa posterior á sesión.
“Estas actuacións responden ao noso compromiso cun desenvolvemento equilibrado do territorio, apoiando aos concellos, fortalecendo á economía local e investindo en infraestruturas que melloran a calidade de vida da veciñanza”, valorou a responsable provincial.
No ámbito da cooperación municipal, a Xunta de Goberno sacou adiante catro convenios cos concellos de Viveiro, Trabada, Pol e Monforte de Lemos.
Ademais a Deputación tamén aprobou destinar máis de 200.000€ ao Concello de Pol para construír un Punto de Atención á Infancia (PAI) e reforzar o mantemento da zona deportiva e das piscinas municipais. O novo servizo permitirá ofrecer atención educativa a nenos e nenas de 0 a 3 anos, favorecendo a conciliación das familias e contribuíndo á fixación de poboación no rural.