A Deputación aprobou contratos para o mantemento da rede viaria da Mariña

TerraChaXa | LugoXa
A Xunta de Goberno da Deputación aprobou a xustificación de 9 subvencións por un valor conxunto de preto de 25.
21 Out 2019

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou a xustificación de 9 subvencións por un valor conxunto de preto de 25.000 euros concedidas ao abeiro do Plan de Recuperación e Incorporación de Terras para a posta en Produción de Recursos Gandeiros. Tamén se aprobaron os plans de seguridade e saúde no traballo para acometer as actuacións do contrato de conservación da rede viaria provincial correspondentes ás zonas 1, 2 e 4, que inclúen 31 concellos das comarcas da Mariña, A Chaira, Lugo, A Ulloa e Sarria. A Deputación vén de adxudicar, en 8 lotes, o novo contrato de conservación de estradas da súa titularidade por un importe de 6,4 millóns de euros para os vindeiros tres anos.

Con esta edición do programa de terras, froito do compromiso da Deputación coa xeración de riqueza e emprego no rural potenciando o sector agrogandeiro, recuperaranse preto de 400 hectáreas de terras abandonadas na provincia para poñelas en produción.

A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, subliñou que este é “un programa pioneiro nunha administración pública galega, que a Deputación puxo en funcionamento no ano 2014 e co que seguimos traballando, dende esa convocatoria ata o día de hoxe os agricultores e gandeiros lucenses puxeron en produción máis 2.000 hectáreas de terreos baldíos na provincia”.

Polo demais, a Xunta de Goberno acordou desestimar a solicitude de resolución de contrato que presentou a empresa adxudicataria das obras de construción da residencia da terceira idade da Pobra do Brollón, Prado Lameiro SL. García Porto explicou que se rexeita a petición da contratista en base aos informes emitidos polos servizos técnicos provinciais, un do servizo de Arquitectura e outro xurídico elaborado polo servizo de Contratación, que conta ademais co conforme da Secretaría Xeral e da Intervención. Uns informes que determinan que non existiu unha demora inxustificada na comprobación do replanteo da obra, a causa que alega a empresa para pedir a resolución do contrato.

0.14457893371582