A Deputación de Lugo acolle este domingo a XXIV Exposición de Cogomelos, marcada pola seca

LugoXa
A mostra da Sociedade Micolóxica Lucus reunirá especies dos distintos hábitats da provincia e incluirá fotografías, contidos audiovisuais e observación con lupa binocular
exposición cogomelos Deputación Lugo Sociedade Micolóxica Lucus
6 Nov 2026

O corredor do Pazo de San Marcos acollerá este domingo 8 de novembro a XXIV Exposición de Cogomelos, organizada pola Sociedade Micolóxica Lucus. A cita, xa consolidada no calendario do outono lucense, permitirá coñecer diferentes especies representativas dos hábitats da provincia, aínda que nesta edición se prevé unha presenza menor debido á seca. Nalgunhas convocatorias chegaron a exhibirse ata 300 especies.

A exposición completarase cunha mostra fotográfica sobre os cogomelos e os seus hábitats, unha presentación audiovisual sobre micoloxía e a posibilidade de observar diferentes especies e as súas estruturas mediante unha lupa binocular. Ademais, membros da Sociedade Micolóxica Lucus estarán presentes durante toda a xornada para resolver as dúbidas das persoas visitantes.

A mostra poderá visitarse de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:30 horas. A inauguración institucional terá lugar ás 12:00 horas e a entrada será libre e gratuíta.

A Sociedade Micolóxica Lucus conta actualmente con 285 socios e é a segunda entidade deste ámbito con máis membros de Galicia. Este ano celebra o seu 25 aniversario, cunha traxectoria centrada no estudo, a divulgación e a posta en valor do patrimonio micolóxico.

A actividade contribúe tamén a divulgar a biodiversidade da Reserva da Biosfera Terras do Miño, xestionada pola Deputación de Lugo, na que a sociedade participa desde hai 13 anos a través do seu órgano de participación. Declarada pola UNESCO en novembro de 2002, é a reserva da biosfera máis extensa de Galicia, con 363.668,9 hectáreas repartidas entre 26 concellos lucenses.

0.14976096153259