A Sociedade Micolóxica Lucus celebra o seu 25º aniversario cun ciclo de conferencias sobre micoloxía e natureza

A Sociedade Micolóxica Lucus, no marco da celebración do seu 25º aniversario, organiza o ciclo de conferencias 'Micoloxía e Natureza', unha iniciativa aberta á cidadanía que achegará a Lugo voces de referencia, mesmo a nivel mundial, na investigación, conservación e divulgación da natureza en xeral e da micoloxía en particular.
O ciclo ofrecerá unha oportunidade para afondar na importancia do respecto á natureza, na conservación da biodiversidade e nos efectos do cambio climático, a través de distintas conferencias impartidas por especialistas en bioloxía, botánica e conservación dos fungos. Todas as actividades serán de entrada libre e gratuíta ata completar aforo.
A primeira xornada celebrarase o venres 30 de outubro de 2026, ás 20.00 horas, no Pazo de San Marcos, en Lugo. A sesión contará con tres conferencias. A primeira, titulada 'Importancia da conservación fúnxica: mudanza climática', será impartida por Marisa Castro Cerceda, doutora en Bioloxía, integrante do Grupo Micolóxico Galego e socia de honra da Sociedade Micolóxica Lucus. A continuación, Ignacio García González, doutor en Ciencias Biolóxicas, profesor de Botánica na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e membro da Sociedade Micolóxica Lucus, ofrecerá a conferencia 'Volcáns que marcaron o devir das civilizacións: a súa historia escrita nas árbores'. A xornada pecharase coa intervención de Julián Alonso Díaz, doutor en Ciencias Biolóxicas e presidente da Sociedade Micolóxica Lucus, que abordará 'A clasificación moderna dos fungos: algunhas claves para entender os cambios'.
OUTRAS SESIÓNS
A segunda cita terá lugar o luns 16 de novembro de 2026, ás 20.30 horas, no Salón Parroquial de San Froilán. Nesta ocasión, Julio de Jesús Mena Portales, doutor en Ciencias Biolóxicas e presidente do Grupo para a Conservación dos Fungos en América Latina e o Caribe, impartirá a conferencia 'Atisbando o fascinante mundo dos fungos microscópicos'. O relator é tamén membro da Sociedade Micolóxica Lucus.
O ciclo concluirá o sábado 12 de decembro de 2026, ás 19.00 horas, no Pazo de San Marcos, cunha conferencia centrada na protección dos fungos e nos compromisos ambientais. Baixo o título 'A conservación dos fungos: un impulso para que España cumpra os seus compromisos ambientais', David W. Minter, doutor en Patoloxía Forestal e presidente da Sociedade Internacional para a Conservación dos Fungos (ISFC), analizará a importancia da conservación fúnxica. Minter é, ademais, presidente emérito dun grupo de especialistas en fungos da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN) e investigador principal de CAB International.
A Sociedade Micolóxica Lucus organiza este ciclo co apoio e a colaboración da Deputación de Lugo, a Reserva da Biosfera Terras do Miño, a parroquia de San Froilán, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Campus Terra.
Con esta iniciativa, a entidade conmemora os seus 25 anos de traxectoria e reafirma o seu compromiso coa divulgación científica, o coñecemento dos fungos e a defensa da biodiversidade, achegando á cidadanía cuestións fundamentais para comprender e protexer o patrimonio natural.