A Deputación de Lugo adxudica por preto de 315.000 euros a reforma da Escola Provincial de Piragüismo

LugoXa
As obras, que deberán rematar nun prazo de nove meses, contemplan a ampliación dos vestiarios, a renovación das instalacións térmicas e de carpintería, e a mellora da accesibilidade do edificio
Escola Provincial de Piragüismo Lugo
19 Sep 2026

A Deputación de Lugo deu luz verde á adxudicación das obras de reforma da Escola Provincial de Piragüismo, tal e como se aprobou este venres 18 de setembro. O contrato ascende a 314.711,86 euros e o proxecto está financiado pola Vicepresidencia da institución provincial.

A actuación pretende mellorar tanto a funcionalidade como a eficiencia enerxética do edificio. Entre as intervencións previstas destaca a ampliación dos vestiarios, a renovación completa da instalación térmica e dos elementos de carpintería, así como a mellora da accesibilidade ao inmoble.

O traballo máis salientable concentrarase na planta baixa, onde se eliminarán os espazos de menor utilidade para poder unificar as dúas zonas de hangar existentes e así gañar superficie para ampliar os vestiarios, tanto o masculino como o feminino. Ademais desta ampliación, acometerase unha renovación integral dos vestiarios en canto a distribución, instalacións e acabados.

O proxecto tamén inclúe a construción dunha sala de caldeiras e a instalación dun sistema de enerxía solar térmica destinado á produción de auga quente sanitaria. Esta medida, sumada á renovación da carpintería, permitirá reducir o consumo enerxético do edificio.

No exterior, a intervención centrarase na construción dunha rampa que conecte a rúa de acceso coa entrada principal do inmoble, co obxectivo de facilitar o paso ás instalacións.

O prazo de execución das obras é de nove meses, que comezarán a contar a partir da sinatura do contrato.

Un pantalán accesible para unha segunda fase

O proxecto adxudicado prevé ademais a apertura de novas portas de saída no hangar, coas que se prepara o edificio para unha futura instalación dun pantalán accesible. Esta infraestrutura permitirá que as persoas con mobilidade reducida que practican piragüismo poidan acceder ao río con maior facilidade.

Esta parte da actuación, referida á plataforma de acceso ao río e ao propio pantalán, abordarase nunha segunda fase, unha vez se redacte un proxecto específico para este ámbito, que deberá axustarse ás indicacións establecidas pola Confederación Hidrográfica.

0.15478181838989