A Deputación de Lugo destina máis de 262.000 euros a renovar e humanizar o barrio da Fortaleza de Castroverde

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou mobilizar máis de 500.000 euros en novas medidas de cooperación cos concellos da provincia, destinadas á recuperación do patrimonio, á mellora dos espazos públicos e ao desenvolvemento de actuacións relacionadas coa calidade de vida da veciñanza.
Entre os acordos figura unha achega de 262.781,75 euros ao Concello de Castroverde para renovar e humanizar o barrio da Fortaleza, unha das contornas de maior valor histórico, patrimonial e paisaxístico do municipio.
As actuacións previstas permitirán mellorar a accesibilidade e os camiños peonís, renovar o alumeado público e o mobiliario urbano e modernizar as redes de abastecemento e saneamento. O proxecto contempla tamén o soterramento das redes aéreas de electricidade e telecomunicacións, unha intervención que requirirá actuar na estrada provincial Travesía de Montecubeiro.
A voceira socialista do Goberno da Deputación, Pilar García Porto, destacou que a actuación permitirá "poñer en valor o patrimonio de Castroverde", con melloras na contorna do Castelo e do propio barrio da Fortaleza, por onde transcorre o Camiño de Santiago.
García Porto sinalou tamén que o proxecto contribuirá a converter este espazo nun lugar "máis accesible, seguro e integrado coa súa contorna", respectando o seu valor histórico e patrimonial e favorecendo o seu uso por parte da veciñanza e das persoas visitantes.