A Deputación de Lugo inicia a repavimentación da Rúa Filarmónica

A Deputación de Lugo vén de iniciar os traballos de repavimentación do firme da Rúa Filarmónica de Lugo, coa aplicación de aglomerado en quente, nunha intervención que dá continuidade ao acondicionamento desta vía de titularidade provincial. Trátase dun treito que dá acceso a numerosas instalacións deportivas e á zona sur do Campus Lucense da USC e que soporta diariamente un elevado volume de tráfico.
A institución provincial destina preto de 100.000 euros a esta actuación, que busca mellorar as condicións dunha arteria considerada estratéxica pola súa afluencia de vehículos e peóns. A presidenta da Deputación, Carmela López, lembrou que esta intervención responde a un compromiso adquirido co anterior alcalde, Miguel Fernández, co obxectivo de colaborar na construción dunha cidade máis sostible, accesible e moderna.
López subliñou ademais que estas obras son necesarias para reforzar a accesibilidade e incrementar a seguridade viaria nunha zona especialmente transitada por peóns, entre eles afeccionados do Ensino e do Breogán, tanto da cidade como doutros puntos da provincia. Segundo indicou, o prazo de execución dos traballos é de catro meses e, unha vez finalizados, a vía converterase nun espazo máis seguro, accesible e funcional.
O proxecto está sendo executado pola empresa Ovisa Pavimentos y Obras SLU e afecta a un tramo de 540 metros. O estendido do aglomerado realizarase ao longo da xornada de hoxe e mañá, tras o que se procederá ao repintado da vía con marcas reflexivas brancas e á reposición da sinalización vertical. Tamén se repintará a zona de estacionamento situada ao carón do Pazo dos Deportes e instalaranse pasos de peóns elevados.
No marco dos investimentos provinciais na capital, a presidenta lembrou outras actuacións recentes, como o desdobramento da Avenida Infanta Elena, financiado con 2,4 millóns de euros de fondos da Deputación; a rehabilitación da estrada LU-P-2902, que conecta Lugo con Ponte de Ombreiro, cun investimento superior aos 210.000 euros; ou a renovación integral da Avenida Adolfo Suárez, na zona da Fervedoira, onde se destinan nesta primeira fase máis de 170.000 euros.